Mantéñense as obras na Ponte do Burgo durante o Nadal

7

Continará a restricción de tráfico en Domingo Fontán para acometer a obra de renovación do subministro de auga, que se realizará a través do sistema de ‘encamisado’

Desde o Concello recoméndase utilizar os aparcadoiros de borde e realizar as compras de Nadal de xeito escalonado para evitar retencións

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, informou esta mañá que as obras na Ponte do Burgo se manterán durante o período de Nadal e que, polo tanto, seguirán as actuais restriccións de tráfico na avenida Domingo Fontán. O concelleiro explicou que durante esta semana se comezará coa obra de renovación do subministro de auga, toda vez que rematou a obra de reparación da avaría na galería de servizos á altura das Corvaceiras que se producira a finais de outubro.

A reparación desta avaría nas Corvaceiras foi o motivo de que se retrasase o inicio da obra de ‘encamisado’ da tubaxe da auga na Ponte do Burgo, e este retraso obriga a manter as obras operativas durante o período de Nadal para poder cumprir os prazos previstos de execución. “Levabamos un colchón dun mes que quedou nun colchón de menos dunha semana para poder rematar en febreiro” afirmou Demetrio Gómez, ao tempo que asegurou que “vai ser a primeira vez que en Pontevedra teñamos aberta unha obra destas dimensións nun punto tan importante para o tráfico durante un periodo como o Nadal”. Tamén anunciou que se está traballando conxuntamente desde as concellarías de Obras e de Seguridade Cidadá “para que este elemento se incorpore ao plan de tráfico de Nadal”.

Indicou que o plan de tráfico se fará público nos vindeiros días, mais adiantou algunhas recomendacións para evitar “as incomodidades” que estas obras poidan ocasionar, entre as que citou o uso dos aparcadoiros de borde e a planificación escalonada das compras de Nadal.

Ademais da colocación do ‘encamisado’, Demetrio Gómez informou que os traballos na cabeceira norte da Ponte van a bo ritmo e que se está procedendo neste momento á colocación da nova varanda, e que “xa pode verse o efecto que fai na marxe de augas arriba”.

Hai que lembrar que o proxecto de posta en valor da Ponte do Burgo está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”, e que o ritmo das obras segundo a planificación prevista é esencial de cara á xustificación económica ante o Ministerio de Administracións Públicas, órgano xestor dos Fondos europeos no Estado español.

COMPARTIR