O Concello sacará a contratación o sostemento dos espazos públicos rurais por máis dun millón de euros

140
  • En breve arrancará a licitación do contrato no que se enmarcarán actuacións como bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, rozas, limpezas, retiradas de entullos, melloras nas redes de pluviais…

O Concello de Pontevedra duplicará o investimento destinado ao mantemento dos espazos rurais cun contrato de máis dun millón de euros que permitirá atender todas as incidencias e reparacións que fosen necesarias no ámbito rural nos vindeiros tres anos. O concelleiro delegado do rural, Alberto Oubiña explicou esta mañá que os pregos do contrato están ultimados e en breve pasarán a Xunta de Goberno para aprobar a apertura da licitación.

Esta aposta decidida do Goberno pola conservación dos espazos públicos permitirá atender bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de augas pluviais, entre outras actuacións.

Este contrato de 1.082.948,79 euros está previsto para executar en 3 anos, e coa posibilidade de prorrogalo un ano máis. O anterior contrato de sostemento dos espazos públicos do rural era de 241.000 euros por ano, e tiña un período de execución de 2 anos.

O contrato virá a redundar na intención do Goberno Local de investir 100 millóns de euros no presente mandato no rural pontevedrés, xa que ao millón de euros de investimento sumaranse todas as obras previstas no rural pontevedrés para “dispoñer de espazos públicos con alta calidade de vida”, segundo concluíu Alberto Oubiña.

COMPARTIR