Pontevedra relata na COP25 que xa ten cumpridos gran parte dos obxectivos da axenda 2030

54
  • O alcalde participou na fin de semana nunha segunda conferencia na COP25 celebrada no espazo da UE en Ifema, Madrid, onde se celebra o Cumio do Clima da ONU, para abordar a incidencia da contaminación atmosférica na saúde.

Pontevedra participou na mesa de debate “As políticas municipais fronte á contaminación atmosférica e o cambio climático”, unha actividade paralela organizada hoxe polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social no espazo administrado pola Unión Europea, dentro do Ifema, en Madrid, onde se desenvolve o Cumio do Clima COP25 de Nacións Unidas entre o 2 e o 13 de decembro.

É a segunda vez -nunha semana- que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores se trasladaba a Madrid para participar nunha das conferencias oficiais organizadas neste cumio para presentar a experiencia de Pontevedra, exemplo de boas prácticas en aspectos de máxima actualidade ao estar concibido como un modelo holístico. A primeira participación foi no foro organizado polo Ministerio de Fomento sobre “Experiencias inspiradoras: urbanismo e clima”, e o segundo é o organizado polo Ministerio de Sanidade sobre a contaminación atmosférica e as súas consecuencias para a saúde.

O alcalde foi presentado por Faustino Blanco, secretario de Estado de saúde e consumo como “unha persoa moi activa e imos coñecer hoxe o seu impulso”.

Fernández Lores explicou que Pontevedra leva 20 anos traballando por mellorar a calidade de vida dos seus veciños e veciñas seguindo todas as pautas máis avanzadas do mundo saídas da carta de Aalborg, da cumpre de Río, do Habitat I, Habitat II… Levandoo á práctica como eixo fundamental o respecto ao medio nos espazos urbanos que están sendo deteriorados especialmente polo uso do vehículo privado e pola ocupación do espazo público.

Consecuentemente, con ese traballo co apoio dos veciños e veciñas e coa batuta municipal, Pontevedra ten uns resultados que superan as previsións da Axenda 2030 xa en 2019. As decisións políticas consensuadas cos cidadáns teñen efectos positivos para evitar o cambio climático. Por iso fixo un chamamento á responsabilidade dos políticos municipais que teñen que asumir as súas competencias con valentía e determinación porque “sinceramente creemos que non se está avanzando suficientemente especialmente por parte dos Estados, das empresas e, tamén, por parte dalgúns municipios”.

O Cumio do Clima “aínda que nos gustaría que fose máis efectiva”, si pon no primeiro plano da opinión pública a situación na que está no planeta aínda que se vaia moi lento, asegurou o alcalde.

Por parte do público e dos ponentes quedou patente o respecto polo modelo de Pontevedra que supón un avance nas políticas municipais e ambientais. De feito, estivo presente en todo o debate como punto de referencia de actuación para outras cidades e vilas do Estado, dende Madrid, a Barcelona ou Valladolid, presentes neste encontro.

Xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, estaban Begoña Villacís, tenente de alcalde de Madrid; Óscar Puente, alcalde de Valladolid; Eloi Badia, concelleiro de Emerxencia climática e transición ecolóxica de Barcelona, e Francisco Fonseca, representante en España da Comisión Europea. A mesa foi moderada por Faustino Blanco, secretario de Estado de saúde e consumo.

Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores na COP25.