O Concello acometerá a restauración dos restos da Torre dos Montenegro en canto a metereoloxía o permita

102
  • Iniciará o proxecto de restauración e cursará solicitude á Consellaría de Cultura para a realización dos traballos, que incluirán un sistema de drenaxe para evitar futuros danos producidos pola choiva
  • A área do derrumbamento foi apuntalada e cuberta para evitar  novos desprendementos e que siga deteriorándose

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, informou esta mañá que o Concello prevé acometer a restauración dos restos da Torre dos Montenegro en canto a metereoloxía o permita, posto que as actuais condicións de humidade non serían as idóneas para uns traballos deste tipo. O que si se iniciará de inmediato, segundo afirmou, será o proxecto de restauración e a solicitude á Consellaría de Cultura para a realización os traballos. 

Moreda explicou que a caída de parte da cimentación da Torre dos Montenegro se produciu polas choivas dos últimos meses, ao facer presión cara afora a auga absorbida no interior do muro. Explicou que cando a Torre foi construída “non estaba previsto que chovera dentro porque esta estrutura correspondía a unha casa con cuberta” polo que se está valorando que o proxecto de restauración inclúa “a colocación dunha drenaxe para que a auga non se acumule no interior”.

O derrubamento produciuse a última hora da mañá de onte e provocou que parte da pasarela peonil que discorre ao pé destes restos fose cortada por motivos de seguridade. O concelleiro indicou que unha hora despois do derrubamento, xa se estaba procedendo ao apuntalamento dos restos para evitar novos desprendementos, ao tempo que se procedeu á recollida e almacenamento das pedras para ter o material dispoñible de cara a futura restauración. Moreda tamén asegurou que grazas á abundante documentación existente, como debuxos e fotos, será doado volver reconstruír a cimentación tal e como estaba antes.