Pontevedra homenaxea a Virxinia Pereira no 50 cabodano do seu pasamento

3
  • A Casa da Luz acolle o venres 20 de decembro, ás 20h, unha intervención escénica na que se dramatiza unha entrevista de Virxinia Pereira no Progreso de Lugo antes da súa morte 
  • A homenaxe fundaméntase na vinculación de Virxinia con Pontevedra e no seu traballo para que a obra de Castelao fose custodiada polo Museo da cidade

O Concello de Pontevedra, a través da concellaría de Memoria e Patrimonio Histórico, en colaboración co Museo de Pontevedra e coa Asociación Cultural Vagalumes da Estrada, promove un acto de homenaxe a Virxinia Pereira con motivo do 50 cabodano do seu pasamento (que tivo lugar o 23 de decembro de 1969). A homenaxe terá lugar este venres 20 de decembro ás 20h a Casa da Luz e terá formato de intervención escénica, na que se dramatizará a entrevista que Virxinia Pereira lle concedeu ao Progreso de Lugo, nunha visita a Galiza en agosto de 1968.

Na dramatización participarán unha actriz e ou actor do grupo de teatro afeccionado da Asociación Cultural Vagalumes. Así, Clara Iglesias representará a Virixinia Pereira, e Tino Regueira fará o papel do xornalista entrevistador nunha intervención escénica que foi dirixida polo dramaturgo Lucho Penabade. Na presentación do acto intervirán o concelleiro de Memoria e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, e en representación da Asociación Cultural Vagalumes, David Otero. 

A homenaxe pretende poñer de manifesto a vinculación de Virxinia Pereira con Pontevedra, xa que a pesares de ter nacido na Estrada, viviu na cidade do Lérez xunto co seu home desde o ano 1916 ata 1936. Mais a súa figura, sempre da par da de Castelao, tivo protagonismo de seu, sendo salientable o firme compromiso que mantivo coa loita galeguista e antifranquista que ela deixa patente en varias cartas que, sobre todo tras o pasamento do seu home, envía a diferentes personalidades da cultura galega. Ademais de participar nas actividades do nacionalismo no exilio, mantivo unha postura crítica contra os achegamentos ao réxime e realizou varias viaxes a Galiza ao longo dos anos 60 co obxectivo de manter o legado artístico de Castelao reunido, e máis concretamente depositado no Museo de Pontevedra, que fora a institución museística que el mesmo axudara a crear a finais da década de 1920.