O modelo de cidade incentiva a actividade económica no sector do turismo

5
  • Pontevedra suma 168 establecementos dedicados a actividades turísticas que en total ofrecen 2.151 prazas hostaleiras
  • O maior número de establecementos corresponde a vivendas de uso turísitico con 134, das cales 28 se sitúan no centro histórico e 106 no resto da cidade e nas parroquias

O conxunto do Concello de Pontevedra conta neste momento cun total de 168 establecementos de distinta tipoloxía dedicados a actividade e usos turísticos. Uns datos que, desde a concellaría de Urbanismo, se consideran a constatación de que a expectativa de incremento da actividade económica relacionada co sector do turismo se está cumprindo. Neste sentido, o concelleiro responsable deste departamento, Xaquín Moreda asegura que “se está apreciando un incremento de solicitudes relacionadas coa actividade turística que, ao meu entender, están estreitamente ligadas ao modelo de cidade e á posta en valor que estamos facendo do Camiño Portugués”.

Nesta oferta, o maior número corresponde a vivendas de uso turístico -as que corresponden a vivendas particulares que se alugan de xeito temporal-, que suman un total de 136, das que 28 se sitúan no casco histórico, 95 no resto da cidade e 11 en parroquias.

No caso das viviendas de uso turístico, cuxa autorización corresponde á Xunta de Galicia, 24 corresponden a vivendas unifamiliares, 18 sitúanse en pisos ou apartamentos ubicados no primeiro andar dun edificio, e as 92 restantes en pisos ou apartamentos ubicados nun segundo andar ou superiores. Pola súa banda, o Concello considera calquera tipo de uso turístico como un uso terciario que só se permite en vivendas unifamiliares, edificios exclusivos, plantas baixas, e primeiros andares. En total as vivendas de uso turístico suman 642 prazas: 137 no casco histórico, 413 no resto da cidade e 92 nas parroquias

En canto aos establecementos turísticos hai que sumar 16 hoteis, 11 pensións, 5 albergues turísticos e 2 establecementos de turismo rural, que suman un total de 1.509 prazas: 1.130 prazas en hoteis, 200 prazas en pensións, 167 prazas en albergues, e 12 prazas en establecementos de turismo rural.

COMPARTIR