O Concello saca a licitación as obras de reforma do antigo ximnasio da ONCE

42
  • O orzamento do proxecto ascende a 448.636,94 euros e ten un prazo de execución de seis meses 
  • As obras están encamiñadas a mellorar a eficiencia e o comportamento enerxético do edificio

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, anunciou que a Xunta de Goberno local aprobou na súa sesión desta mañá o expediente de contratación das obras de reforma do antigo ximnasio da ONCE por un importe de 448.636,94 euros e un prazo de execución de seis meses.

A concelleira explicou que o proxecto consiste en mellorar o consumo e o comportamento enerxético do edificio, o que implica diversas actuacións, sobre todo  na cuberta, para aforrar enerxía eléctrica e térmica e tamén para garantir as perfectas condicións nas que se desenvolvan as actividades que acolle. Neste sentido, Gulías lembrou que estas instalacións están sendo empregadas por varios clubes da cidade e que o seu estado é moi mellorable.

A obras van ecamiñadas a aplicar medidas e solucións técnicas para mellorar o comportamento da envolvente da cuberta, a mellora da eficiencia, e a redución do consumo enerxético eléctrico co camio de luminarias, así como outras actuacións encamiñadas a mellorar a eficacia da climatización.

Anabel Gulías asegurou que “se está prestando moitísima atención a esta parte da cidade” e que “a través do convenio coa ONCE se devolve ao Concello tanto o Centro Sur como o antigo ximnasio da ONCE, para poñelos a disposición dos veciños e das veciñas”. 

A portavoz do goberno lembrou que tanto a reforma do antigo ximnasio da ONCE como a recuperación do Centro Sur – este último conta cunha previsión de investimento de 1.500.000 euros para usos residencias para persoas con diversidade funcional- están enmarcadas nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.