O Parque Forestal da Fracha sae a licitación por máis de 500.000 euros

77
  • A Xunta de Goberno local vén de aprobar o inicio do expediente de contratación por un importe de saída de 564.864,95 euros e un prazo de execución de 12 meses
  • O obxectivo é crear un parque forestal periurbano de 406 Ha no que se compatibilice o bosque autóctono produtivo cos usos sociais do monte

O Concello vén de poñer en marcha a licitación  do Parque Forestal Periurbano da Fracha coa aprobación esta mañá en Xunta de Goberno do expediente de contratación por un importe de saída de 564.864,95 euros e un prazo de execución de 12 meses. Fíxoo público a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, quen afirmou que “este parque forestal está destinado a que sexa un bosque autóctono produtivo compatible con usos sociais”.

Gulías asegurou que este proxecto se enmarca na preocupación “polos montes que temos neste Concello e, de feito, un dos obxectivos fundamentais do Parque da Fracha sería recuperar a paisaxe perdida polos lumes do 2006”. A concelleira tamén aproveitou  para salientar “a colaboración necesaria das Comunidades de Montes implicadas neste proxecto” en referencia ás de Marcón, Tomeza e A Canicouva pola cesións de terreos. En total o Parque Forestal abrangue 406 hectáreas nas parroquias de Marcón (110,72 Ha), Tomeza (36,88 Ha) e A Canicouva (258,40 Ha)

Anabel Gulías indicou que o proxecto dará lugar a “unha área con moito interese ecolóxico e ambiental” e salientou 5 accións para levalo a cabo: 

1. Revexetación forestal: salientando a plantación de máis 6.000 novos carballos 

2. Creación de áreas de estancia e lúdicas: o obxectivo é favorecer a faceta de encontro social. En Marcón acondicionarase a área do Outeiro Navío, en Tomeza a área e o miradoiro na Regha Pieira, e na Canivouva a área e o miradoiro no Couto das Forcadas. 

3. Tratamento antierosión do terreo: que se realizará a través de restos de tarefas silvícolas e con sementes de especies autóctonas, para crear un acolchado que recupere o terreo

4. Recuperación ambiental das beiras dos ríos: procederase á de especies invasoras, como as acacias, e á plantación de bosque de ribeira, con especies como ameneiros, sabugueiros, freixos, castiñeiros e bidueiros

5. Recuperación, marcado e creación de sendas: tanto para bicicletas como para camiñar, ata un total de 26,6 quilómetros.

Anabel Gulías lembrou que este proxecto conforma “unha das apostas máis importantes desde Concello por manter as zonas forestais, contribuíndo a que estean coidadas, vixiadas, e que sexan máis resistentes ao risco de lumes”. O Parque Forestal da Fracha será o terceiro do Concello de Pontevedra, tras o do Pontillón e o da Tomba.

Hai que lembrar que o proxecto do Parque Forestal Periurbano da Fracha está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.