Medio Natural destinará unha achega de 47.500 euros á creación do novo parque urbano do barrio de Mollabao

26
  • O proxecto impulsado por Iván Puentes pretende converter este espazo “en punto de encontro da veciñanza” e prevé unha zona de lecer infantil con xogos tradicionais galegos pintados no chan

O barrio de Mollabao contará a partires de 2020 cun novo parque urbano debaixo da ponte da autoestrada AP-9, entre as rúas Rosalía de Castro e Simón Bolívar, grazas a un proxecto no que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, investirá 47.572,65 euros. A actuación suporá a posta en valor e a mellora paisaxística e de accesibilidade da praciña situada entre a parada de autobuses e o circuíto de educación vial, incluíndo a creación dunha zona de lecer infantil con xogos tradicionais galegos pintados no chan.

O proxecto deseñado polo propio Servizo Municipal de Parques e Xardíns prevé converter a futura zona verde nun lugar de encontro da veciñanza (algo demandado polos habitantes do barrio), optimizando a súa capacidade de acollida coa instalación de distintos tipos bancos e bancadas en madeira e pedra. Asemade, mellorarase a comunicación coa contorna, facilitando a mobilidade neste espazo mediante camiños de acceso adaptados, e en particular a conexión entre a rúa Rosalía de Castro e a Casa do Mar.

Segundo explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, a proposta do seu departamento plantexa a creación “dun espazo verde cos valores estéticos propios dun parque moderno, que por estar cuberto pola ponte da autoestrada, permitirá diversos usos en día de choiva, e que estará dotado dunha fermosa composición a nivel de xardinería e dunhas instalacións de rego que facilitarán a súa axeitada conservación”. 

“O novo parque urbano de Mollabao -suliña Iván Puentes- contará ademais cunha oferta de lecer baseada en xogos tradicionais galegos, pintados no chan, cos que se pretende incentivar a imaxinación e creatividade dos máis pequenos e reivindicar que non se precisa de moitas cousas para xogar e pasalo ben, os nosos corpos e o que atopemos arredor: pedras, follas, paus, chapas de botellas, envases usados… O que teñamos a man”.

“Un quinteiro dos de sempre”

Outro aspecto que se considerou foi a importancia de conservar ou recuperar vocabulario asociado a estes xogos, polo que o proxecto inclúe ‘etiquetas’ e mesmo algún pequeno recitado. Tal e como apunta o edil do PSOE, “tendo en conta que xa se trata dun lugar de reunión e que se pretende que o siga a ser, con esta proposta de xogos búscase facilitar a transmisión interxeracional, facendo que avós, avoas, nais, pais, crianzas e veciñanza de diferentes idades se xunten para xogar e pasalo ben, coma nun quinteiro dos de sempre”. 

Os xogos dividiranse en tres tipos, segundo a súa forma, aínda que esta poderá adaptarse no deseño final en base á colocación doutros elementos, como xardineiras ou bancos: horizontais de base cadrada (birlos, tres en raia, ra, peletre e unha sopa de letras na que cómpre atopar os nomes de tódolos xogos); horizontais de base redondeada (o peón, un recitado para botar a sortes e un circuíto de chapas que rodearía dúas xardineiras), e verticais (unha silueta a tamaño máis ou menos real dunha nena ou neno que se pode empregar como lugar de referencia para contar xogando ás agochadas ou ao ‘escondite inglés’, por exemplo, e unha zona para xogar ás ‘casiñas’, cunha cociña e unha tenda que irían na parede vertical da rampa).

No que atinxe a mobiliario, o plan asinado por Manuel Fontán, xefe do Servizo de Parques e Xardíns, busca un equilibrio entre funcionalidade, confort para os usuarios e integración paisaxística coa contorna, incorporando varios zonas de banco corrido, diversos bancos circulares e unha zona de bancada, todos eles realizados en obra, con asento de madeira. O pavimento de parte da praza realizarase mediante formigón con malla de aceiro electrosoldada, formada por unha capa de 10 centímetros de espesor e conferíndolle unha continuidade de materiais e un acabado de tonalidades que axude á comprensión dos diversos usos no espazo: xogos, tránsito, reunión da veciñanza, descanso… 

No linde do parque cara a rúa Rosalía de Castro crearase unha pequena grada para ser utilizada como espazo de reunión ou para diversa actividade social. Do mesmo xeito, contémplase a creación dunha rampa de carácter accesible que facilitará o tránsito á nova zona verde e mellorará a comunicación peonil coa Casa do Mar.

Dúas grandes zonas de plantación a nivel

No que se refire á composición paisaxística, crearanse dúas grandes zonas de plantación a nivel do chan duns 90 cm. de ancho, unha no lateral do parque que linda coa rúa Simón Bolívar e outra cara a beira oposta do espazo cara o norte. Estas zonas crearán unha envoltura verde e floral en todo o espazo, afondando na súa natureza de parque, ao tempo que se xerará un lugar central de xogos para a infancia. 

A plantación de especies arbustivas e de tempada será acaída ás condicións dunha zona que está cuberta pola ponte da autoestrada e que, polo tanto, ten condicionantes de planta adaptada a espazos sombríos. Incorporaranse parterres con formacións arbustivas e vivaces con variedade de cores e mesmo aromáticas: santolina chamaecyparissus, liriope muscari, hedera hélix, canna indica, aralia elata, daphne odora e skimmia xapónica.

Un sistema de rego por goteo automatizado, mediante o soterrado de tubarías, permitirá subministrar a auga precisa para un estado óptimo de tódalas especies. Este sistema será centralizado mediante electroválvulas en arquetas para a automatización mediante programador. 

Iván Puentes lembra que os terreos onde se ubicará o futuro parque urbano de Mollabao “son de carácter público, afectados pola autoestrada AP-9, polo que será necesaria a obtención das pertinentes autorizacións con anterioridade á súa execución”. “En todo caso -aclara o concelleiro socialista- están clasificados como solo urbano e zona verde, conforme ao Plan Xeral de Ordenación Urbanística vixente e o proxecto ten un prazo de execución previsto de tres meses, polo que o noso obxectivo é que poida ser realidade para o vindeiro ano”.