O Concello solicita unha entrevista a Pedro Sánchez para tratar a “axenda Pontevedra”

7
  • Ademais de facer seguimento dos acordos acadados en Madrid a pasada semana entre os que se atopa o nó de bombeiros, a cesión da AP-9 ou o traslado de Ence, tamén se abordarán temas como a circunvalación, financiamento para as obras do Museo de Pontevedra ou a situación do edificio de Facenda.

O Concello de Pontevedra solicitará ao novo presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez unha reunión para abordar os compromisos acadados coa cidade de Pontevedra tanto no acordo de investidura como nos futuros compromisos para marcar a axenda Pontevedra.

A portavoz do Goberno Local, Anabel Gulías, explicou esta mañá que o acordo de Goberno “é responsable e útil porque mostra que hai un compromiso con Galiza”. Pero dentro desta axenda “tamén hai unha axenda de Pontevedra”.

A este respecto, Anabel Gulías explicou que na documentación asinada entre o BNG e o PSOE en Madrid a pasada semana figuran temas “vitais para a cidade” como o nó de bombeiros ou “a inxusta estafa da AP-9”. E tamén recoñeceu que o Goberno Local está satisfeito “con que haxa un Goberno do Estado que recoñeza que Ence está mal situada e que urxe o seu trasladado, e é importante que estea escrito e se asuma, algo que vén defendendo o Goberno Local”.

Ademais destes acordos, tamén está previsto negociar co novo Goberno do Estado o resto da axenda propia da cidade: elevar o ritmo de execución da circunvalación “porque é unha infraestrutura necesaria para Pontevedra”, apoio financieiro para o desenvolvemento das obras do Museo de Pontevedra, e iniciar conversas para determinar o futuro do edificio de Facenda (edificio de San Francisco) “do que esixiremos que se manteña o seu uso público”.

Anabel Gulías asegurou que o Goberno Local está “ilusionado e esperanzado” cos acordos acadados en Madrid, e “agardamos que a axenda de Pontevedra sexa unha realidade”. Confía en que “se abra un tempo novo para que esta cidade non sexa marxinada como foi en tempos pasados”.

Anabel Gulías.