Un estudo decidirá o modelo de explotación e viabilidade do transporte a demanda en Pontevedra

19

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez mantivo esta mañá unha reunión técnica para definir as características que terá o estudo especializado que permitirá perfilar como debe ser o transporte a demanda que dará servizo ao rural pontevedrés.

O Concello iniciou hoxe o deseño do que será o futuro transporte a demanda de Pontevedra cunha reunión interna na que estiveron presentes o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, os responsables da Oficina municipal dos Fondos FEDER da Estratexia DUSI “Máis modelo, Pontevedra” encargada de financiar os estudos do transporte a demanda, e a asistencia técnica contratada para realizar este proxecto.

O concelleiro de Mobilidade explicou, logo da reunión, que esta parte do deseño do proxecto “é a máis importante porque definirá todo o que se quere facer”. De feito, adiantou que o Concello se atopa con dificultades pola falta de experiencias exteriores sobre o transporte que se quere implantar en Pontevedra. É, polo tanto, “un traballo complexo” para lograr cubrir “as necesidades do rural pontevedrés”.

As dúas liñas de traballo serán a creación dun software específico para Pontevedra que coordine todo o servizo; e un estudo sobre a demanda e viabilidade do proxecto, así como as súas posibilidades de explotación.

Este traballo terá que ser realizado por unha empresa especializada que deberá facer un estudo de campo para coñecer a demanda, e un estudo de viabilidade. Farase a través de máis de 2.500 enquistas nas parroquias, e vendo os destinos aos que se quere chegar (centros sanitarios, sedes administrativas, Mercado…).

O estudo ten que ofrecer as distintas alternativas de transporte que existen, cal sería a proposta de explotación e un análise do contexto administrativo e legal para evitar futuras impugnacións.

A reunión técnica de hoxe permitirá sacar a contratación nas vindeiras semanas un prego para realizar este traballo a cargo dunha empresa especializada. O prazo de execución deste estudo será entre 10 e 11 meses.

Demetrio Gómez adiantou que o Goberno traballa coa posibilidade de pór en marcha o transporte a demanda neste mandato, e confía en que este estudo técnico estea nas mans do Concello no primeiro trimestres de 2021.