Iván Puentes pon en marcha un plan de mellora paisaxística para “devolverlle á Alameda de Sesmero neste mandato a imaxe maxestuosa e nobre do XIX”

147
  • O proxecto impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible iniciarase cun investimento de 18.000 euros para plantar novas árbores e corrixir a compactación e mala drenaxe do pavimento

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, executará ao longo deste mandato un proxecto de mellora paisaxística co que pretende “devolverlle á Alameda de Sesmero a imaxe maxestuosa e nobre que tiña cando foi creada, na segunda metade do século XIX”. O plan deseñado polo Servizo Municipal de Parques e Xardíns porase en marcha nas vindeiras semanas cun primeiro investimento de 17.980,60 euros, destinado a revalorizar este pulmón verde da cidade mediante a plantación de árbores que cubran as actuais eivas e a realización de obras de mellora integral e de corrección da compactación e mala drenaxe que presenta boa parte do pavimento nestes momentos.

Tal e como explica Iván Puentes, estas actuacións iniciais contemplan a incorporación de exemplares de especies “xa existentes e acordes coa paisaxe e historia da Alameda, como carballos do país (quercus robur) e tilos de folla pequena (tilia cordata)”. Estas primeiras plantacións concentraranse na zona norte do parque pontevedrés, a máis próxima ao Cafetín e á Praza de España, que é a máis visible e a que presenta máis fallas e deterioro respecto da estrutura orixinal de aliñacións de arboredo. “Empregaranse exemplares dun porte elevado -matiza o edil do PSOE-, de xeito que resulten funcionais para o conxunto do parque”.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural constata que un dos traballos esenciais deste proxecto de revalorización da Alameda centrarase en previr a compactación do terreo, incluíndo a aireación do solo na contorna das árbores. 

Segundo apunta Iván Puentes, “na actualidade, as ringleiras de arboredo presentan bastantes fallas, de xeito especialmente manifesto na zona norte”, unha decadencia “froito de diversos factores que minguaron a vitalidade da masa arbórea” e que, en base ás análises dos técnicos do Servizo de Parques e Xardíns, “débese en boa medida a un exceso de compactación e de mala drenaxe do pavimento que afectou de xeito negativo ás árbores”. “A diagnose técnica -suliña o socialista- describe un prexuízo tanto directo, ao impedirse un axeitado intercambio gasoso nas raíces das árbores, como indirecto, ao favorecer a aparición de certas patoloxías, en particular de fungos”.

Puentes avanza que, neste 2020, o seu departamento continuará co estudo das necesidades de mellora en diferentes ámbitos da Alameda, coa finalidade de actuar de xeito progresivo ata acadar “unha imaxe máis nobre e vital”: arboredo da zona sur, pavimentos, drenaxes, bancos e iluminación.

A primeira gran dotación de espazos verdes da cidade

A Alameda é unha peza central na conformación moderna de Pontevedra logo da súa declaración como capital de provincia, ao constituír, en conxunto cos xardíns das Palmeiras, a primeira gran dotación de espazos verdes públicos para o goce da cidadanía. A súa creación, na segunda metade do século XIX, coincide cun período de grandes actuacións en espazos municipais e coa construción da maioría dos edificios públicos relevantes, como o Consistorio, a Deputación ou a Escola Normal. Un desenvolvemento urbanístico no que a figura do arquitecto Alejandro Sesmero foi esencial (de aí que a Alameda adoptara o seu nome). 

De forma alargada, duns 250 metros, vestíbulo axardinado da Casa do Concello, a Alameda constitúe un amplo paseo de pavimento terreiro, conformado por cinco filas de árbores centenarias, na súa maioría plátanos de sombra e carballos, mais tamén outras como tileiros ou álamos. Conta con  bancos de pedra  e un fermoso palco da música de planta octogonal. 

Iván Puentes lembra que “as súas entradas principais albergan dous dos monumentos máis prezados na cidade: ao sur os azulexos con estampas costumistas de Carlos Sobrino Buhigas e, lindando coa Praza de España, o monumento adicado aos Heroes de Ponte Sampaio, obra de Julio González Pola”. “A Alameda é tamén -indica- un dos principais miradoiros cara á ría dende a cidade”.