Unha charla promovida por Benestar Animal desvelará as dietas máis saudables para as nosas mascotas

20
  • A actividade informativa terá lugar o vindeiro domingo 19 de xaneiro na Casa Azul, será impartida por AECAM e abordará diversos aspectos sobre a alimentación de cans e de animais exóticos

¿É o can un omnívoro ou un carnívoro adaptado? Botar un pouco de luz sobre esta e outras cuestións relativas á alimentación de cans e de animais exóticos é o principal obxectivo dunha charla informativa promovida pola Concellería de Benestar Animal, que dirixe a socialista Paloma Castro, e que terá lugar o vindeiro domingo 19 de xaneiro ás 17.00 horas na Casa Azul. A actividade, organizada pola Asociación Educativa e Cultural Animais do Mundo (AECAM) en colaboración con Kesar’s Educación Canina, forma parte dun ciclo de coloquios sobre tenencia responsable de animais domésticos e de compañía programado coa finalidade de concienciar e educar á cidadanía á hora de adquirir e coidar das súas mascotas.

A charla servirá para abordar distintos aspectos da dieta dalgúns dos animais máis comúns nos nosos fogares. Tal e como apunta Paloma Castro, “a alimentación é un dos piares fundamentais no coidado e mantemento dos animais e moitos de nós estamos acostumados a ofrecer produtos comerciais que non sempre son a mellor opción para as nosas mascotas”. “Entendendo o comportamento de cada especie -suliña a edil- poderemos proporcionar unha dieta natural, máis sa para os animais, o que repercutirá no seu estado de saúde de xeito moi positivo”.

Así, os expertos da AECAM analizarán a oferta de alimentos comerciais, o que permitirá realizar a mellor elección para alimentar ás mascotas con penso, e describirán punto por punto os prexuízos que pode producir nos cans a alimentación a base do mesmo a medio e longo prazo, dando alternativas que, dende o seu punto de vista, resultan máis saudables.

Asemade, aportarán datos sobre os beneficios que proporciona aos cans unha alimentación bioloxicamente adecuada e desmitificarán o consumo de comida natural por parte dos animais, poñendo sobre a mesa outras opcións aos alimentos comerciais: dieta BARF (acrónimo de Biologically Appropriate Raw Food, en galego, Alimentación Crúa Bioloxicamente Axeitada), presa, comida cociñada…

Paloma Castro explica que esta charla coloquio, a segunda das tres que se programaron, está dirixida ao público en xeral (esencialmente adultos e adolescentes) e ten entrada de balde ata completar un aforo máximo de 30 persoas. @s interesad@s en asistir á mesma deben poñerse en contacto cos organizadores a través do whatsapp 667 231 974 ou do email info@aecamgalicia.com.

A primeira das charlas impartidas pola AECAM desenvolveuse o pasado 22 de decembro e, segundo lembra a concelleira socialista, “foi un rotundo éxito de asistencia, cun cheo de público na Casa Azul”. A concelleira de Benestar Animal agarda que actividades como esta contribúan a concienciar e sensibilizar á poboación de Pontevedra sobre a responsabilidade que supón ter animais ao noso cargo, evitando casos de abandono.