Pontevedra recibe o camión escaleira de 45 metros para os bombeiros

34
  • Trátase dun vehículo coa última tecnoloxía existente neste tipo de equipos: brazo articulado de 45 metros, cun radio de actuación de 360º, que pode actuar a 27 metros en horizontal.
  • A cesta de rescate dispón de tomas de osíxeno, a posibilidade de conectar unha radial ou rescatar camillas ou cadeiras de rodas.

O Concello de Pontevedra vén de recibir o novo camión grúa para o Servizo de extinción de incendios que foi presentado esta mañá no parque de bombeiros da cidade.

Trátase dun vehículo cun custe de 829.000 euros que foi adxudicado hai 10 meses e entregado a primeiros de ano, xa que tivo que realizarse por pezas. Segundo explicou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na visita ao parque acompañado da concelleira responsable de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, “incorpora a última tecnoloxía para o rescate e incendios en altura”. De feito, so hai outros dous camións como este en toda Galiza, recentemente adquiridos polos parques de Vigo e Coruña.

É un camión cun radio de actuación de 360º, cun brazo articulado de 45 metros de altura e que pode actuar a 27 metros en horizontal. Pode sofocar incendios nunha rúa e tamén na oposta sen ter que precisar de asistencia persoal xa que ten un sistema de abastecemento de auga autónomo cunha potencia de 3.800 litros por minuto.

A cesta que compaña ao brazo articulado permite rescatar camillas, cadeiras de rodas, ten catro tomas de osíxeno, a posibilidade de conectar unha radial para facer cortes de materiais a 45 metros de alta. 

A  cesta dispón de todas as medidas de seguranza para que os profesionais traballen nas mellores condicións.

Os bombeiros da cidade recibirán formación específica a partir da vindeira semana para o uso deste vehículo. A formación impartiraa a propia empresa.

O parque de bombeiros de Pontevedra dispón na actualidade de 7 camións e 14 vehículos, pero esta nova adquisición “será un antes e un despois na atención das emerxencias. É o máximo ao que podemos aspirar”, explicaba o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.

COMPARTIR