Yoya Blanco asegúralles aos pequenos comerciantes de Pontevedra que fará todo o que estea nas súas mans para protexer a súa actividade

28
  • Na súa primeira reunión presidindo a Mesa Local de Comercio, a edil de Promoción Económica garantiulle a CCU ZM a continuidade do salón Stock Pontevedra mediante unha achega económica

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, a socialista Yoya Blanco, asegurou esta mañá que fará todo o que estea nas súas mans “para protexer unha actividade, a do comercio local de Pontevedra, que resulta absolutamente prioritaria nos plans deste departamento”. Este decidido respaldo, que continuará a materializarse en accións de fomento dos diferentes sectores, foi transmitido durante a primeira reunión da Mesa Local de Comercio presidida por Blanco e na que participaron voceiros de diversos colectivos de comerciantes da cidade, entre eles CCU ZM, Aempe, placeiras do Mercado de Abastos, AJE e vendedores das Galerías Oliva, así como técnicos do Servizo de Promoción Económica do Concello e o representante do grupo ‘popular’, Gerardo Pérez Puga.

O encontro foi convocado a petición de CCU ZM coa finalidade de solicitar un informe municipal sobre a celebración, os días 7, 8 e 9 de febreiro, do salón das oportunidades Stock Pontevedra. Tal e como sinalou Yoya Blanco, nesta reunión tamén se lle deu o visto bo ás propostas de dinamización comercial para as que este mesmo colectivo vai solicitar unha subvención da Xunta de Galicia (axudas autonómicas para proxectos de dinamización de mercados abertos e prazas de abastos).

Ante as dúbidas de CCU ZM sobre a capacidade da asociación para poder soster no tempo a feira Stock Pontevedra, a concelleira de Promoción Económica ofreceu o seu compromiso de colaborar cunha achega económica “para manter unha actividade que resulta non só moi importante para os pequenos comerciantes de roupa, senón realmente interesante para que os cidadáns atopen verdadeiras gangas”.

“Dende o inicio deste mandato, xa puxen de manifesto a miña clara intención de impulsar e darlle nova vida ao comercio de proximidade e coido que esa vontade estase a ver reflectida en numerosas accións de apoio do Mercado de Abastos ou CCU ZM. Quero non lles quede ningunha dúbida de que as súas preocupacións son as miñas”, apuntou Blanco.