O II congreso ‘A Diversidade Sexual e de Xénero nas Aulas’ abrirá o calendario de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade en materia LGTBIQ+ para 2020

101
  • A xornada de formación terá lugar no Pazo da Cultura o sábado 1 de febreiro e contará coa presenza do cantautor madrileño Viruta, un dos principais referentes do activismo trans en España
  • O programa impulsado por Paloma Castro inclúe o I Premio Literario Pinto e Maragota, a proposta de lecer escolar Somos Diversxs, os Vermús pola Diversidade e a campaña Deporte Diverso

O II congreso ‘A Diversidade Sexual e de Xénero nas Aulas. Materia pendente?’ abrirá o vindeiro sábado 1 de febreiro no auditorio do Pazo da Cultura o calendario de actividades formativas e educativas deseñadas para 2020 no marco do programa municipal Pinto e Maragota, promovido pola concelleira de Igualdade, a socialista Paloma Castro. Entre as accións previstas inclúense a convocatoria do I Premio Literario Pinto e Maragota en colaboración coa editorial Xerais, a realización da campaña Deporte Diverso cos clubes da cidade, a reedición dos exitosos Vermús pola Diversidade, o impulso da proposta de lecer escolar Somos Diversxs e a celebración dunha iniciativa arredor da memoria histórica LGTB en Galicia cos estudantes dos institutos de Pontevedra.

Son só algunhas das actividades dun intenso e variado programa que será ampliado nos vindeiros meses (as proxectadas para o Día do Orgullo, entre elas) e que hoxe avanzou en rolda de prensa a edil de Igualdade. Tal e como sinalou Paloma Castro, o programa de Pinto e Maragota “retomará as accións formativas e de sensibilización con moita forza neste primeiro semestre do ano, comezando cun congreso no que destaca a presenza como convidado do cantautor trans madrileño Viruta, un dos principais referentes do activismo trans en España na actualidade”.

A propia concelleira do PSOE abrirá o sábado 1 de febreiro a xornada formativa cunha presentación titulada ‘Deixar de mirar cara outro lado. A diversidade nas aulas existe’, na que exporá o informe de resultados da enquisa que a súa Concellería levou a cabo nos centros de Ensino Secundario e FP da cidade. Trala súa intervención, ás 10.30 horas, tomarán o turno de palabra a pediatra Inés del Río, coa ponencia ‘Diversidade sexual e de xénero na infancia e na adolescencia: Unha ollada ética’, e a licenciada en Dereito e activista trans Ada Otero, que falará sobre ‘A legalidade LGTB’.

Un documental sobre a loita do colectivo en Galicia

Unha mesa redonda en torno aos casos de éxito no tratamento da realidade LGTBI nas aulas, coa participación da Rede Educativa de Apoio LGTB e os IES As Barxas (Moaña) e Frei Martín Sarmiento (Pontevedra) pechará a quenda de mañá do congreso. A actividade retomarase ás 16.00 horas coa proxección do documental dirixido por Bea V. Campaña e producido por Fernando Rodríguez ‘Noite irisada’, sobre a loita do colectivo LGTB en Galicia.

A continuación, ás 17.15 horas, Laura Bugalho, Marcos Ceive e Rihanna Currás protagonizarán outra mesa redonda baixo o título ‘Contra a desmemoria: tres xeracións de activismo trans’, mentres que o cantautor Viruta porá o broche de ouro á xornada coa charla concerto ‘Normal é un programa da lavadora’. Tod@s @s que queiran inscribirse no congreso poderán facelo a través do email ‘info@pintoemaragota.gal‘. No caso dos docentes en activo a matriculación realizarase pola vía do Centro de Formación e Recursos (CFR) de profesores de Pontevedra usando o código P1902027.

Segundo suliñou Paloma Castro, unha das principais novidades que trae o 2020 en materia de visibilización e concienciación sobre a realidade LGTB é a celebración do I Premio Literario Pinto e Maragota pola diversidade sexual. O certame, que conta coa implicación do director da editorial Xerais, Fran Alonso, converterase no primeiro deste tipo que se convoque en Galicia.

“Tamén neste primeiro semestre do ano -indicou a edil socialista- desenvolverase a campaña Deporte Diverso, consistente na creación dun vídeo en colaboración con clubes deportivos da cidade para promover a tolerancia e o respecto polo colectivo LGTB no deporte”.

Entre maio e setembro volverán os exitosos Vermús de Pinto e Maragota, con actuacións musicais, espectáculos de cabaret, danza, poesía e faladoiros. Unha proposta informal que, como lembrou Paloma Castro, “permite achegar a diversidade á cidadanía nos espazos públicos de Pontevedra: Praza da Verdura, Méndez Núñez, Casa da Luz, Campiño de Santa María e O Mercado”.

A formación ampliarase ás nenas e nenos de Primaria

A concelleira de Igualdade avanzou a súa intención de que “a partires de setembro, as accións de Pinto e Maragota se centren no ámbito escolar”. “Despois dos resultados obtidos na enquisa sobre diversidade sexual e LGTBIfobia, decidimos estender as actividades de formación tamén ao Ensino Primario, a través proposta de lecer Somos Diversxs, con contos e xogos que buscarán promover a reflexión e a empatía nos máis pequenos”, sinalou Castro.

No que atinxe ao alumnado de ESO e Bacharelato, ao igual que o ano pasado se celebraron os 50 anos da loita LGTB a raíz dos disturbios de Stonewall, para o 2020 contémplase a celebración dunha actividade arredor da memoria histórica do colectivo en Galicia, con lecturas, charlas e videoforums nos institutos de Pontevedra.