Unha trintena de concelleiros e técnicos de Deportes de Galicia e Portugal participarán na reunión do Grupo de Deportes do Eixo Atlántico en Pontevedra

55
  • O encontro terá lugar o venres no Pazo da Cultura e, tal e como avanza o edil socialista Tino Fernández, nel coñeceranse as candidaturas para organizar os XIV Xogos do Eixo Atlántico 

Unha trintena de concelleiros e técnicos de Deportes de Galicia e Portugal participarán este venres no Pazo da Cultura nunha reunión do Grupo Temático de Deportes do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, unha asociación de concellos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal destinada á promoción de iniciativas que fomenten o desenvolvemento a través da cooperación transfronteiriza. Tal e como avanza o concelleiro de Deportes, o socialista Tino Fernández, durante o encontro “daranse a coñecer as candidaturas a organizar os XIV Xogos do Eixo Atlántico”, que aglutinan unha participación superior aos 1.800 deportistas e que, dende 1995, promoven o deporte e a convivencia entre as mozas e mozos galegos e lusos.

A reunión dará comezo ás 11.00 horas coa aprobación da acta anterior e a presentación da memoria dos XIII Xogos do Eixo Atlántico, que tiveron lugar en Braga en xullo do ano pasado. A continuación, abordarase a presentación de candidaturas da XIV edición, así como a celebración do VI Seminario de Intercambio de Experiencias 2020 e outras propostas temáticas. 

Tino Fernández lembrou que, “á marxe dos Xogos, que se celebran cada dous anos nun municipio diferente, dende o Eixo Atlántico tamén se organizan torneos deportivos en varias modalidades, como hockey sobre patíns, fútbol infantil, balonmán, voleibol praia ou taekwondo”. 

Antes de Braga, acolleron os Xogos Lugo-Monforte-Sarria, Matosinhos-Porto-Vilanova de Gaia, Guimarães, Matosinhos, A Coruña, Vila Nova de Gaia, Santiago de Compostela, Bragança, Ourense, Chaves e Ferrol. Na súa primeira edición, a sede repartiuse entre diversas cidades: Vigo, Viana do Castelo, Porto, Pontevedra, Ourense, Lugo, Bragança, Braga, Chaves e Ferrol.

Adxunto un enlace en relación aos Xogos do Eixo Atlántico (https://www.eixoatlantico.com/es/programas-y-cooperacion/xogos-eixo-atlantico) e outro relativo ás competicións deportivas temáticas celebradas ata a data (https://www.eixoatlantico.com/es/programas-y-cooperacion/torneos).