Volve unha nova edición de Cantos de Taberna

98

“Recuperar a tradición de cantar nas tabernas e recuperar unha parte importante da nosa tradición cultural” son os obxectivos que a concelleira de Festas, Carme da Silva apuntou sobre a iniciativa ‘Cantos de Taberna’. Esta cita colectiva para cantar en diversos locais da cidade, organizada polo Concello e pola Asociación Maravallada, dará comezo este venres e manterase todos os últimos venres de mes ata maio. 

A primeira cita terá lugar pasado mañá nos bares Milano e Barallocas e contará co acompañamento do grupo ‘Cantanascroas’. Tanto Carme da Silva como Mar Fernández, integrante de Maravallada, fixeron fincapé en que este grupo ten unha significación especial por ter xurdido en Salcedo precisamente ao abeiro dos ensaios de ‘Cantos de Taberna’. A seguinte cita, 28 de febreiro, terá lugar nos bares Brasilia e Salnés e o grupo acompañante será Madialeva; continuará o 27 de marzo no Reixa e no Navarra co grupo Escaravellos, o 24 de abril no Saudade e na Botica co grupo Cae de Caixón, e o broche final terá lugar no Machuco e no Pavero co grupo de Maravallada. Todas as citas terán un horario de 21 a 24h. 

A concelleira de Festas, ademais de animar á veciñanza a participar nesta iniciativa, parabenizou ás integrantes de Maravallada “pola súa tenacidade e ambición” asegurando que cando se botou a andar a primeira edición “o obxectivo estaba en conseguir xuntar centos de persoas para cantar polos bares e ese obxectivo conseguiuse”. Da Silva afirmou que actualmente xa se pode dicir que “centos de persoas agardan que chegue xaneiro” para participar nos ‘Cantos de Taberna’.

Ao igual que en edicións anteriores, desde Maravallada introduciranse letras novas no repertorio que será entregado entre o público para facilitar a participación. Tamén se manterá o costume de entregar “ao grupo que cante con máis entrega e entusiasmo” o libro ‘Repertorio tabernario’ de Luis Torres. 

Por último, tanto a concelleira como as integrantes de Maravallada, Mar Fernández e Mirta Díaz, salientaron que nesta actividade participa xente de todas as idades -mesmo nos últimos anos detectaron a participación de máis xente moza e pais e nais con fillos e fillas pequenas-, e que conta cunha forte presenza feminina, dándolle a volta á orixe dos cantos de taberna que polo propio lugar no que tiñan lugar eran eminentemente masculinos.