Iván Puentes deseña un plan para a posta en valor dos cedros do Himalaia senlleiros dos Xardíns de Vincenti

30
  • O Servizo de Parques e Xardíns destinará máis de 9.600 euros a este proxecto, para o que solicitou as axudas da Xunta en materia de conservación, protección e mellora de árbores senlleiras

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, destinará máis de 9.600 euros a un conxunto de actuacións necesarias para conservar e protexer catro cedros senlleiros ubicados nos Xardíns de Vincenti. O Servizo Municipal de Parques e Xardíns acaba de remitirlle á Xunta de Galicia a solicitude, acompañada dunha memoria de actuacións, para que este proxecto reciba as axudas autonómicas en materia de protección e mellora de especies e formacións incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras para o ano 2020.

Iván Puentes lembra que “os xardíns históricos, nomeadamente os Xardíns de Vincenti ou das Palmeiras, nos que vexetan catro cedros do Himalaia de gran porte catalogados, constitúen un obxectivo de conservación prioritario” para a súa Concellería, polo que decidiu contratar “unha inspección técnica especializada previa á realización de traballos de poda e á substitución dos sistemas de suxeición existentes por uns novos elementos de ancoraxe máis acaídos”. O enxeñeiro técnico forestal Eduardo Penedo Padín, especialista en arboricultura, será o encargado de levar a cabo esta intervención, que incluirá, ademais da poda e a revisión das ancoraxes, unha limpeza en seco e a instalación de paneis informativos.

Tal e como explica o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, “a inspección técnica permitirá facer unha estimación detallada das ramas mortas ou deterioradas e que deban de ser eliminadas, ao tempo que porá de manifesto os vicios ou debilidades ocultos na estrutura das árbores”. 

“Realizarase unha determinación por métodos visuais e, de se-lo caso, se así se estima oportuno, acudirase a ensaios ou análises instrumentais para efectuar unha avaliación detallada de riscos. A inspección permitirá a identificación de patoloxías e de posibles perigos e terá en consideración os factores propios da especie e de cada exemplar: peso, densidade ou resistencia da madeira. Do mesmo xeito, estudaranse factores externos como ventos dominantes, edificacións da contorna, servizos con posible afección (regadío, entre outros)…”, precisa o edil do PSOE. 

Fortemente afectados polos ventos

Como consecuencia dos temporais con ventos de elevada intensidade rexistrados en 2010 e 2017, os catro cedros do Himalaia sobre os que se vai intervir resultaron fortemente afectados. As árbores víronse danadas na súa copa, en especial os dous exemplares próximos á unión entre a rúa Arquitecto de la Sota e o Paseo de Cervantes. Por este motivo e pola da necesidade de garantir a conservación das árbores e o seu bo estado fisiolóxico, levarase a cabo unha limpeza de ramas mortas e unha poda dunha intensidade moderada, tendo en conta as características non retoñais da especie, tentando conservar a vitalidade dos cedros e garantindo a seguridade na súa contorna.

Os restos da poda serán triturados progresivamente e retirados para o seu emprego como ‘acolchado’ noutras zonas verdes ou como estruturante para a compostaxe. 

Por outra banda, as tres árbores situadas ao sur do parque xa viñan aseguradas mediante sistemas axeitados de ancoraxe, con cordas de polipropileno trenzado con amortecedores (absorbente de choque), insercións, mangas antifrición e remates finais, mentres que a máis próxima ao estanque dos patos dispón dunha fixación con cabos de aceiro. Segundo apunta Iván Puentes, “en ámbolos casos prevese unha substitución e corrección dos sistemas de suxeición, de xeito que se eliminen aqueles puntos onde poida existir unha excesiva tensión sobre as ramas de ancoraxe, así como abrasións”. “Do mesmo xeito, substituiranse aqueles cabos deteriorados ou excesivamente tensos”, engade.

O proxecto completarase cunha sinalización individual na contorna de cada exemplar, ademais dunha destinada ao conxunto da formación. As súas características e dimensións serán obxecto de estudo e, con carácter previo á execución dos traballos, remitiranse para o pertinente informe ao Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente.

O plan de conservación e protección dos cedros do Himalaia dos Xardíns de Vincenti ten un prazo de execución previsto de cinco semanas e para levar a cabo as actuacións precisarase da asistencia dun camión grúa.