O Concello amplía a xornada laboral de 7:00h a 20:30h para promover a flexibilidade

250
  • Será de aplicación para todos e todas as empregadas municipais, coa finalidade de mellorar a conciliación da vida familiar e persoal coa laboral 

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, anunciou esta mañá que o Concello vén de aprobar unha Instrución relativa á flexibilidade laboral que implica a ampliación da xornada de traballo de 7:00h a 20:30h. Así, todos e todas as empregadas municipais terán un horario obrigatorio de 9h a 14:30h,  mentres que o resto das horas -ata completar as 35 horas semanais-, poderán escoller realizalas entre as 7:00 e as 9:00 e entre as 14:30 e as 20:30h.

Esta Instrución, realizada desde a Concellaría de Persoal e aprobada na Mesa Xeral de Negociación, ten por obxecto mellorar a conciliación da vida familiar, persoal e laboral para todo o persoal empregado municipal, e non só para casos de conciliación. En todo caso, Anabel Gulías fixo fincapé en que o horario obrigatorio garante a comunicación e a atención ao público e que permite compatiblizar as obrigas dos e das empregadas públicas coas necesidades da súa vida persoal.

A portavoz do Goberno tamén indicou que a flexibilidade laboral se enmarca dentro da “modernización da Administración, que sempre dixemos que ía ser e esta sendo unha prioridade neste mandato”. Neste sentido, asegurou que “un paso previo para nós era o nomeamento do director xeral de Recursos Humanos porque esta tarefa de flexibilizar ou permitir novas modalidades de traballo precisa dun seguimento máis exhustivo e debemos contar cun encabezamento técnico que garanta que o traballo se siga prestando de xeito eficaz”.

COMPARTIR