O Concello reprende á Xunta polas présas e inexactitudes no proxecto da glorieta de Pazos, en Marcón

15
  • Os servizos técnicos municipais reclaman información detallada relativa a orzamento, sendas peonís ou planos de sinalizacización e iluminación
  • A portavoz do Goberno municipal considera que obecede máis a un interese electoral que a unha vontade real de mellorar esta infraestrutura 

O proxecto de mellora da seguridade viaira na estrada PO-542, que inclúe a construción dunha nova glorieta no lugar de Pazos, en Marcón, non conta con informes favorables das oficinas técnicas municipais de Arquitectura e Planeamento nin de Medio Ambiente e Infraestruturas. Así o fixo público esta mañá a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías quen asegurou que a memoria remitida pola Axencia Galega de Infraestruturas carece, segundo os técnicos municipais, de información detallada e básica para poder determinar se se axusta, entre outros aspectos, á normativa vixente. 

“Nós facemos unha lectura bastante clara de que cando hai vontade por facer as cousas e mellorar infraestruturas que realmente favorezan a vida dos veciños e das veciñas de Marcón, os informes veñen máis completos, son máis detallados ou polo menos hai unha vontade de falar e de sentarse e termos en conta a opinión do Concello” asegurou Anabel Gulías. A portavoz do Goberno indicou ademais que “nós enterámonos do anuncio desta obra o día anterior pola tarde, polo tanto dá a sensación de que responde máis a un interese do PP de facer as cousas ás présas e co ollo posto nalgunha campaña electoral que na vontade de mellorar as condicións deste cruce” ao tempo que aclarou que “o Concello de Pontevedra nas cuestións que teñen que ver coa seguranza viaria e coa mobilidade sempre é un aliado para calquera Administración”.

Entre as eivas que as oficinas técnicas municipais mencionan nos seus respectivos informes figura, en primeiro lugar, a ausencia dun orzamento desglosado do proxecto. Neste punto, Gulías segurou que “ao non termos o orzamento desglosado hai aspectos que son básicos e que están moi ligados á propia natureza da obra que non poden ser contrastados polos servizos técnicos”. 

A portavoz tamén sinalou que non se detallan as dimensión das sendas para favorecer os itinerarios peonís e ciclistas que aparecen debuxados no proxecto e que propoñen un ancho variable. Esa falta de detalle impídelles ao servizos técnicos municipais informar da súa idoneidade, así como do cumprimento cos requisitos establecidos normativamente.

Tampouco se achegan documentos como planos de sinalización  e calmado de tráfico que recollan como se vai actuar para acadar a redución efectiva das velocidades na glorieta, nin planos de iluminación pública, nin información detallada sobre zonas verdes, nin se indica a quen corresponde o seu mantemento. Por último, tamén se reclaman outros informes preceptivos de Augas de Galicia , por estar afectado cauce do río Marcón ou de Patrimonio por estar afectado patrimonio municipal.