Os voluntarios das brigadas antivelutina de Pontevedra eliminaron uns 200 niños durante a campaña de 2019

69
  • O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, suliña que a cifra foi moi inferior á do ano 2018 (471) e pon de manifesto a efectividade da brigada na erradicación desta especie invasora

O grupo de voluntarios das brigadas municipais antivelutina retirou uns 200 niños desta voraz especie invasora en diferentes puntos das parroquias de Pontevedra durante a campaña de 2019. Trátase dunha cifra moi inferior á do ano 2018, no que foron eliminados 471 niños, e que en opinión do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, “poñen de manifesto o fantástico labor que están a realizar as brigadas na guerra contra esta plaga e o seu éxito á hora de erradicala do noso termo municipal”. 

O edil do PSOE puido felicitar hoxe en persoa aos voluntarios polo traballo desenvolvido nunha reunión que tivo lugar na Sala de Comisións do Concello, que contou coa presenza da xefa do Servizo de Medio Ambiente, María Formoso, e que serviu para analizar as necesidades da brigada de cara a 2020. 

A campaña de loita contra a avespa velutina contou en 2019 coa participación de 30 voluntarios, o que permitiu cubrir case tódalas parroquias do concello de Pontevedra. As intervencións iniciáronse en marzo, realizando un ‘trampeo’ de raíñas que se prolongou durante os meses de abril e maio e que conseguiu a eliminación de preto de 3.000 raíñas en diferentes puntos do municipio.

“Esta cifra -aclara Iván Puentes- só ten en conta o ‘trampeo’ que efectuaron persoalmente ou coordinaban os voluntarios. A isto habería que sumarlle as raíñas que foron retirando moitos particulares que tamén instalan trampas nas súas fincas e hortas”.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible explica que, no que atinxe á retirada de niños, “podemos dicir que en 2019 os niños eliminados foron sensiblemente inferiores aos das campañas anteriores, o que coincide co que sucedeu noutros concellos veciños”. Segundo sinala, “isto se debe por suposto a que a campaña de ‘trampeo’ foi efectiva e tivo uns resultados moi bos, pero sen esquecer que a meteoroloxía que tivemos o pasado verán foi moi particular e cunhas condiciones peores ás habituais nesa época do ano”. “Pódese presumir que iso tamén tivo efectos sobre a poboación de vespa velutina”, matiza o edil do PSOE.

Agosto e setembro, os meses con maior número de intervencións

Iván Puentes constatou que agosto e setembro foron os meses de 2019 nos que se efectuaron un maior número de intervencións por parte da brigada antivelutina, rexistrándose respectivamente 62 e 53 retiradas de niños de avespa. As parroquias de Lourizán, Marcón, Mourente, Salcedo, Campañó e Lérez atópanse entre as que acumularon a meirande cantidade de avisos por presenza destes aniñamentos.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible suliñou o compromiso do seu departamento na loita contra a avespa velutina, que ao longo da campaña pasada se traduciu en diversos investimentos para cubrir cuestións como o subministro de equipamento de protección para os voluntarios, a adquisición de material de fumigación ou campañas de sensibilización para a protección da abella doméstica.

Pola súa banda, o coordinador das brigadas antivelutina, José María Domínguez, afirmou que “os bos resultados da campaña de 2019 debéronse á fantástica colaboración cidadá” e incidiu na importancia “de que o ‘trampeo’ se inicie agora, no mes de febreiro, para ir collendo ás raíñas”. “Cantas máis raíñas se atrapen nestas datas, menos niños teremos que retirar. Trátase de trampas moi sinxelas de poñer, que todo o mundo sabe facer (con botellas de litro e medio de auga) e que se deben colocar esencialmente en camelios e outras plantas con flor”, sinala Domínguez.

A xefa do Servizo Medio Ambiente, María Formoso, quixo mandar tamén unha mensaxe de tranquilidade ao respecto das chamadas dalgúns cidadáns alertando da presenza de novos niños nalgúns puntos da cidade, como por exemplo na Praza de Barcelos. Segundo apuntou, “trátase de niños que xa estaban localizados da campaña anterior, que quedaron á luz pola caída das follas e que se atopan baleiros nestes momentos, xa abadonados polas avespas”. “En ningún caso, as velutinas volven aniñar en niños nos que xa estiveron, polo que non hai motivo de alarma”, aclarou Formoso.