Lores: ” O parque da Tomba é un luxo e unha das actuacións das que estou máis satisfeito”

72
  • O alcalde e o concelleiro de Montes visitaron os traballos  de acondicionamento deste novo parque forestal para comprobar in situ a marcha da actuación
  • O prazo de execución abrangue ata final de ano, afecta a 82 hectáreas e implica a eliminación de especies invasoras e a plantación de 25.000 árbores novas  

“É un luxo e é unha das actuacións das que me sinto máis satisfeito” afirmou Miguel Anxo Fernández Lores sobre o parque forestal da Tomba, no transcurso dunha visita que realizou esta mañá para comprobar a marcha dos traballos. O acalde, que estivo acompañado polo concelleiro de Montes, Alberto Oubiña, polo presidente da Comunidade de Montes de Campañó, José María Domínguez, e por persoal técnico da empresa adxudicataria, Elsamex, visitou o punto onde se ubicará un dos dous miradores que permitirán gozar das vistas sobre a cidade e sobre a ría.

Fernández Lores cualificou o parque forestal da Tomba como “unha actuación ambiciosa”, e enmarcouna na necesidade de preservar o patrimonio natural e de dotar á veciñanza de espazos acondicionados para o lecer e o goce da biodiversidade. “Todos somos conscientes de que manter o monte é caro e que o monte non é só dos seus propietarios, sexan a comunidade de montes ou sexan propietarios individuais, senón que é unha fonte de osíxeno, é unha garantía de biodiversidade, favorece a calidade do aire de toda a cidade e é un investimento público ” asegurou.  Neste sentido, lembrou que se vai actuar sobre 82 hectáreas de monte comezando cun labor de eliminación de especies invasoras, nomeadamente acacias e eucaliptos, que é o que se está acometendo neste momento. Fixo especial fincapé en que estas tarefas de eliminación de especies invasoras se están realizando a través “de medidas físicas, sen utilizar ningún tipo de produto químico, o que complica e encarece a actuación pero é moito máis respectuoso co medio”.

A actuación contempla manter as árbores que existen e a plantación de 25.000 novos exemplares de diversas especies, maioritariamente castiñeiros e carballos. Inclúe unha plantación de 5.000 oliveiras que formarán parte dun proxecto experimental de aproveitamento produtivo, totalmente ecolóxico e a partir de clons de especies de oliveira autóctona galega. Tamén se acondicionarán 17 quilómetros de sendas, delas 1,1 km poderán ser transitadas por coches e 15,9 serán para peóns e de convivencia (segundo os tramos) con ciclistas de paseo. 

O proxecto ten un prazo de execución que abrangue ata final de ano para asegurar labores de limpeza e respectar as épocas de plantación propias de cada especie que se van introducir nesta superficie. Por último, o alcalde volveu agradecerlle á Comunidade de Montes de Campañó “que poña a disposición de todos os veciños e veciñas de Pontevedra este espazo, e eu quero salientar este posicionamento razonable e solidario da Comunidade de Montes”.