O Circuito de Carreras de Ponle Freno 2020 tomará as rúas do concello de Pontevedra o sábado 20 de xuño

116
  • O concelleiro socialista Iván Puentes sacou peito en Madrid das “contundentes cifras que vencellan o calmado do tráfico en Pontevedra coa eliminación das vítimas mortais por atropelo”
  • O edil suliñou a aposta por un modelo que combina o fomento do deporte e dunha vida saudable e activa, o desenvolvemento sostible e a redución de emisións á atmosfera

Nun ano no que baterá o seu récord de cidades participantes, cun total de sete, o Circuito de Carreras de Ponle Freno 2020, impulsado por Atresmedia e a Fundación AXA, chegará a Pontevedra o sábado 20 de xuño, tras pasar por Badalona (que dará o pistoletazo de saída o 22 de marzo), As Palmas de Gran Canaria (19 de abril), Zaragoza (17 de maio) e Málaga (13 de xuño). O calendario de probas, que terán continuidade en Vitoria (6 de setembro) e Madrid (29 de novembro), foi presentado esta mañá nas oficinas centrais de AXA en Madrid (rúa de Emilio Vargas, 6), nun acto no que participou como conferenciante o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra, o socialista Iván Puentes.

Nun evento que estivo conducido polo presentador de Deportes de Antena 3 Manu Sánchez e que contou coa presenza do campión do mundo de maratón Martín Fiz, ámbolos dous embaixadores da causa de Ponte Freno, o edil do PSOE formou parte dun grupo de poñentes entre os que se atopaban Cristina García, concelleira de Deportes de Zaragoza; Josué Íñiguez Ollero, concelleiro delegado de Seguridade e Emerxencias das Palmas de Gran Canaria; Alicia Martín Pérez, directora xeral de Deporte de Madrid; Rubén Guijarro, tenente de alcalde e concelleiro de Seguridade, Goberno e Territorio de Badalona, e José Luis Paradas, director xerente de Málaga Deportes e Eventos. Presidiron o acto o director da Fundación AXA, Josep Alfonso; o director de Atresmedia Eventos, Pablo López-Barajas, e o director xeral da Fundación CEA (Comisariado Europeo do Automóbil), Fernando González Iturbe. 

Iván Puentes participou no evento en representación do Concello de Pontevedra, que respalda o Circuito de Carreiras de Ponle Freno a través das concellerías de Deportes e de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural. O edil do PSOE aproveitou a oportunidade da súa intervención para “poñer en valor en valor un modelo de cidade en materia de seguridade vial que está absolutamente consolidado en Pontevedra, como así llo recoñecen tanto a Fundación AXA como Atresmedia”.

As claves do éxito

Puentes resaltou como clave deste éxito “a perfecta combinación de política deportiva, espazos naturais e desenvolvemento sostible que o noso Concello impulsou dentro do seu modelo de cidade, vencellando todo ese espazo que se gañou para a cidadanía á práctica deportiva e á vida saudable que forman parte da Axenda 2030 das Nacións Unidas”. “Debemos concibir eses espazos gañados para a cidadanía e esas zonas naturais -asegurou- como ámbitos principais de práctica deportiva e dunha vida saudable e activa”.

O concelleiro socialista expuso algúns contundentes datos sobre o éxito do noso modelo, que motivaron o eloxio dos representantes das outras cidades. Entre outras conquistas, Iván Puentes mencionou “a redución en máis de 50.000 vehículos ao día que entran ao centro da cidade nos últimos 20 anos (o que supón un descenso do 70%), a diminución de emisións á atmosfera ligada a esa redución de tráfico e, sobre todo, a eliminación dos accidentes de tráfico con vítimas mortais”. 

“Entre 1997 e 2006 faleceron en Pontevedra 30 persoas por atropelo, mentres que de 2007 a 2016 esta cifra reduciuse a unicamente a tres e afortunadamente levamos xa seis anos na cidade sen un so morto por esta causa. É significativo tamén o dato de accidentes que requiren intervención policial: dos 1.200 casos do ano 2000 pasamos aos 484 do 2016. As cifras vencellan inevitablemente o calmado do tráfico coa seguridade da cidadanía no centro urbano”, suliñou o edil do PSOE.

Esta nova edición do Circuito de Carreras de Ponle Freno, que conta con CGA Red de Talleres como patrocinador oficial, servirá para continuar recadando cartos (a través das inscricións) que se destinan de maneira íntegra a proxectos de apoio a vítimas de accidentes de tráfico. Ao longo de máis de dez anos de percorrido, a iniciativa logrou recadar 1,7 millóns de euros grazas aos 200.000 corredores que tomaron parte nalgunha das súas carreiras. 

Toda a información do Circuito, así como o procedemento para optar a ser unha das entidades beneficiarias da recadación das carreiras poderá consultarse na web ‘ponlefreno.com‘. Nela pode atoparse o microsite específico ‘carrerasponlefreno.com‘, que permitirá levar a cabo as inscricións de cada cidade e que o ano pasado rexistrou  máis de 531.000 páxinas vistas e máis de 116.000 usuarios únicos.

A campaña Ponle Freno naceu en 2008 como a primeira das grandes accións de responsabilidade corporativa do Grupo Atresmedia e a pedra inaugural do Compromiso Atresmedia, do que tamén forman parte ‘Constantes y Vitales’, ‘Objetivo Bienestar’, ‘Hazte Eco’, ‘Contra el maltrato, Tolerancia Cero’, ‘Crea Cultura’ y ‘Levanta la cabeza’.