O concelleiro Tino Fernández participará mañá no Altice Forum de Braga na Cerimónia Oficial de Abertura da VI Capital da Cultura do Eixo Atlântico

14
  • O tenente de alcalde e edil de Deportes representará á nosa cidade nun evento que terá lugar ás 21.30 horas e que incluirá un concerto de Daniel Pereira Cristo e a Orquestra SondeSeu

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes e Educación, o socialista Tino Fernández, desprazarase mañá ata o municipio portugués de Braga para participar na Cerimónia de Abertura Oficial da VI Capital da Cultura do Eixo Atlântico do Noroeste Peninsular. O evento terá lugar ás 21.30 horas no Altice Forum da cidade lusa, que ostenta o título de Capital da Cultura do Eixo, e incluirá un concerto de música tradicional  protagonizado por Daniel Pereira Cristo e a banda galega SondeSeu Orquestra Folk.

Tal e como explica Tino Fernández, con esta cerimonia, “Braga asume o compromiso de acoller o título de Capital da Cultura despois da súa antecesora, Santa Maria da Feira”. Á marxe de comprometerse a realizar unha maior aposta na axenda cultural para este ano, Braga agarda que este título poida impulsar tamén a súa candidatura como Capital Europea da Cultura 2027.

Conforman o Eixo Atlántico as seguintes cidades, concellos e institucións galegas e lusas: A Coruña, Culleredo, Carballo, Riveira, Pontevedra, Vigo, Narón, Ferrol, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Lalín, O Carballiño, Ourense, Lugo, Deputación de Lugo, Sarria, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Viana do Castelo, Póvoa de Varzim, Matosinhos, Porto, Vila Nova de Gaia, Barcelos, Braga, Guimarães, Vila Nova de Famalicão, Maia, Valongo, Santa Maria de Feira, Peso da Régua, Vila Real, Bragança e Macedo de Cavaleiros.

No eido cultural, o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular centra os seus esforzos en dúas actividades principais: a Capital da Cultura, que naceu en 2009 co propósito e potenciar a cultura en tódalas súas expresións a ambos lados da raia; e a Bienal de Pintura que, con xa máis de 20 anos, pretende estimular a creación artística, así como o intercambio e o coñecemento dos artistas na Eurorrexión.