Tino Fernández levará a Xunta de Goberno as bases das subvencións para as Asociacións de Nais e Pais

32
  • As axudas para o presente curso académico contan cunha achega global de case 25.000 euros e servirán para impulsar accións de promoción do deporte, tempo libre ou fomento da cultura

O concelleiro de Educación, o socialista Tino Fernández, levará o vindeiro luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación as bases das subvencións para as asociacións de nais e pais de alumnos/as (Anpa), dotada cunha achega económica global de case 25.000 euros. As axudas están destinadas ás Anpa de centros educativos do concello de Pontevedra mantidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de primeiro ou segundo ciclo de Educación Infantil e/ou obrigatorias. 

O período obxecto de subvención abrangue do 01/09/2019 ao 31/08/2020, é dicir, o presente curso académico, e as axudas permitirán dar cobertura a tódalas accións e facetas que as asociacións desenvolvan, que poidan ser consideradas de interese e que estean dirixidas á comunidade educativa en xeral: promoción do deporte, ocupación do tempo libre e fomento da cultura. “Estarán destinadas ás Anpa -aclara Tino Fernández- que desenvolvan proxectos e accións que teñan por finalidade o fomento de actividades educativas de interese público e que cumpran cos requisitos e normas das bases que se aprobarán”.

Así, non poderán ser destinatarios de subvencións aquelas entidades que non se atopen ao corrente nas súas obrigas fiscais co Concello de Pontevedra, coas facendas públicas (estatal e autonómica) e coa Seguridade Social. Quedan tamén excluídas desta convocatoria aquelas asociacións e entidades que presenten actividades ou programas que veñan regulados noutras convocatorias municipais, así como as que teñan pendentes de xustificación outras subvencións co Concello.

Para acceder ás axudas, as Anpa deberán presentar unha instancia-solicitude en tempo e forma legal a través da sede electrónica municipal (http://sede.pontevedra.gal/). Entre os requisitos que se contemplan inclúese o de que a entidade estea inscrita no Rexistro municipal de asociacións; que se utilice o galego nas publicacións, na cartelería, na publicidade e en toda produción escrita de tódalas actividades que vaian ser subvencionadas polo Concello; que se empregue unha linguaxe non sexista, e que tódolos materiais, imaxes e documentación eviten por completo calquera imaxe discriminatoria, fomentando valores de igualdade, pluralidade e corresponsabilidade entre homes e mulleres. 

Un importe mínimo de 500 euros

Poderán ser obxecto de subvención os programas e actividades educativas que estean dirixidas á realización de actuacións puntuais ou de carácter anual, no eido educativo, en tódalas súas vertentes e que sexan realizadas no curso escolar 2019/2020. A contía da axuda estará en función do custo dos programas/actividades, sendo o mínimo establecido a conceder de 500€ ou a parte proporcional en función do custo total da actividade. 

En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, supere o custo total da actividade a desenvolver polo/a beneficiario/a. A porcentaxe subvencionable polo Concello non poderá exceder do 50% do custo da actividade a que se aplique. 

As bases establecen ademais a posibilidade de que a entidade beneficiaria solicite un pagamento anticipado do 30% do importe da subvención concedida, que se fará efectivo unha vez sexa realizada a notificación da resolución. O 70% restante, ou a parte que corresponda, librarase unha vez xustificado o cumprimento da finalidade para a que se conceden as subvencións. 

Para o financiamento destas subvencións destínase un importe máximo de 24.670 euros e o importe máximo a conceder será de 2.000 euros. A presentación da instancia deberá efectuarse necesariamente a través da sede electrónica municipal no prazo dun mes, contado dende o día seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica do Concello de Pontevedra. 

COMPARTIR