Pontevedra busca familias que queiran acoller a adolescentes coa obriga de cumprir medidas xudiciais

346
  • A Concellería de Benestar Social, que dirixe a socialista Paloma Castro, colabora coa asociación Arela no desenvolvemento do programa autonómico ‘Convive.comigo’ 

A Concellería de Igualdade e Benestar, que dirixe a socialista Paloma Castro, acaba de pechar un acordo coa asociación Arela para poñer en marcha en Pontevedra un programa destinado a conseguir persoas ou familias de acollemento para adolescentes que teñan a obriga de cumprir medidas xudiciais (convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Baixo o nome ‘Convive.comigo’, esta iniciativa de carácter autonómico pretende, a través dun ambiente socializador e positivo, modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que os menores non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.

A colaboración entre Arela e o Concello de Pontevedra pechouse nunha reunión que Paloma Castro mantivo co seu director, Julio Barreiro, coordinador do programa, e unha técnica do mesmo, Eva Piñeiro. Tal e como estes lle transmitiron á edil do PSOE, o proxecto financiado pola Xunta de Galicia está a buscar o apoio de diferentes municipios de cara a acadar un banco de persoas ou familias acolledoras que abarquen moitos dos territorios da provincia.

Paloma Castro considera que se trata dunha proposta “moi necesaria e interesante”, que ademais “supón un complemento perfecto para o plan de intervención precoz en casos de violencia filio-parental que a Concellería está a desenvolver en colaboración coa Fundación Meniños”. “Mediante este programa -apunta a socialista- búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia, que queiran facer unha aposta temporal por un menor con dificultades”.

Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes: ser maior de idade, dispor dunha vivenda axeitada, estabilidade emocional, compromiso de traballo en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade. Á súa vez, valorarase positivamente a formación vencellada ás ciencias sociais, a experiencia previa en proxectos de acollemento familiar e a predisposición a recibir formación en materia de carácter xurídico e adolescencia.

Financiamento de 40 euros diarios

Segundo suliña Julio Barreiro, Arela “ofrece asesoramento e unha formación grupal e individual, con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40 euros diarios durante os meses que o adolescente permaneza coa familia ou persoa”. O coordinador de ‘Convive.comigo’ lembra que este colectivo leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, “prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día e Centros de Intervención Educativa en Medio Ambiente (CIEMA)”.

“Na páxina web de Arela (www.arela.org) pódese consultar toda a información relativa a este novo programa de acollemento, así como o teléfono de contacto da súa sede central (986 21 25 37) e o seu correo electrónico de contacto (convive@arela.org)”, apunta Barreiro.

COMPARTIR