Ravachol tórnase arte contemporánea no cartaz do Entroido 2020

282
  • Está baseado na polémica instalación artística dun plátano pegado á parede e o orixinal será subastado online para destinar o recadado á investigación sobre o cancro
  • O pregón correrá a cargo da Asociación Recreativa de Xeve

O loro máis famoso do país pegado con cinta americana sobre un fondo branco, parodiando a polémica e famosa instalación na que o artista Maurizio Cattelan pegou un plátano á parede con cinta americana, será a imaxe do Entroido pontevedrés este ano. A imaxe foi desvelada pola concelleira de Festas, Carme da Silva, polo autor do cartaz, o debuxante Kiko da Silva e polo presidente da Asociación Recreativa de Xeve, Florencio Chantrero.  

Carme da Silva explicou que nesta edición, o Entroido pontevedrés dará comezo o venres 14 ás 18h co pasarúas das Madamas e Galáns de Cobres, e continuará cunha programación ininterrumpida entre o venres 21 e o sábado 29 de febreiro. A concelleira desvelou, ademais da imaxe do cartaz, que nesta edición a lectura do pregón correrá a cargo da Asociación Recreativa de Xeve. O seu presidente, Florencio Chantrero non adiantou ninguha pista sobre o seu contido, mais asegurou que incluirá “crítica e sátira” e que “trataremos de estar á altura de todos os pregóns anteriores”. Carme da Silva lembrou que a Asociación Recreativa de Xeve leva 22 anos vestindo ao Loro Ravachol cada Entroido, un cometido que tamén realizará nesta edición.

En canto á imaxe do cartaz, o seu autor indicou que “nesta ocasión busquei que o Loro Ravachol estivera o máis pegado posible á actualidade artística”. Así, parodiou a instalación ‘Comediante’, que consistía nun plátano pegado á parede con cinta americana, e que xerou unha gran debate e acadou unha gran repercusión pública tras ser vendida en Art Basel Miami por 120.000 dólares. Kiko da Silva asegurou que “representa o espírito da festa e o espírito irreverente do Loro Ravachol”, posto que o propio “Ravachol é un obxecto artístico para nós”. Neste sentido, adiantou que nas vindeiras semanas se poderá ver Pontevedra “chea de loros pegados nas paredes”.

Da Silva tamén anunciou que este fará algo novidoso que será subastar a ilustración orixinal a través de internet e que o recadado será destinado ao equipo de investigación  sobre o cancro do doutor José Manuel Castro Tubío. “Quero que o Entroido pontevedrés axude á ciencia, que unha festa popular contribúa a un investimento que pode salvarnos a todos” asegurou.