O Concello acomete os bacheos máis urxentes no rural tras as chuvias dos pasados meses

1
  • Esta semana realizáronse bacheos nas rúas da Gándara e da Santiña e os traballos continuarán en diversos puntos das parroquias durante alo menos 10 días máis
  • Trátase dunha intervención puntual para subsanar os deterioros máis graves en espera do contrato de sostemento de espazos rurais que está en tramitación

O Concello vén de iniciar, o xoves desta semana, os traballos de bacheo nos viais do rural máis deteriorados polas contínuas chuvias dos pasados meses. Esta intervención, que comezou en Lérez, nas rúas da Gándara e da Santiña, continuará ao menos durante 10 días máis para subsanar os problemas máis graves e urxentes, toda vez que as condicións metereolóxicas xa permiten realizar este tipo de traballos. O concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiñaa asegura que “habilitar este contrato para atacar ás zonas en peores condicións por causa das chuvias era unha cuestión necesaria e urxente” e enmarca a actuación no obxectivo de acadar a excelencia no mantemento dos espazos urbanos e rurais “procurando atender as necesidades da veciñanza no menor tempo posíbel”.

Para acometer esta actuación, desde a Concellaría de Coordinación do Rural realizouse un traballo de recollida das necesidades na rede viaria das parroquias de cara a determinar os puntos nos que se acometerán os bacheos. A intervención, que conta cun orzamento de 47.472,05 euros, está sendo realizada pola empresa E.C. Casas e suporá o emprego de 232 toneladas de asfalto bituminoso.

Esta actuación realízase de xeito puntual e atendendo a unha situación derivada dun rexistro de precipitacións inusual, e en espera de activar o contrato de sostemento de espazos rurais, que está actualmente en tramitación. Hai que lembrar que o contrato de sostemento de espazos rurais, dotado con máis dun millón de euros, permitirá atender todas as incidencias e reparacións que sexan necesarias nas parroquias nos vindeiros tres anos, atendendo bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de augas pluviais, entre outras actuacións.