A Xunta de Goberno aproba o convenio de colaboración entre Concello, Xunta e Fundación La Caixa para desenvolver o Programa CaixaProinfancia no municipio

14
  • A concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, explica que o proxecto coordinado pola Fundación Meniños en Pontevedra permite atender a unhas 50 familias en risco de exclusión social

A Xunta de Goberno local deu hoxe luz verde á prórroga do convenio de colaboración a tres bandas (Concello de Pontevedra, Consellería de Política Social e Fundación La Caixa) para o desenvolvemento do Programa CaixaProinfancia no noso municipio, cunha contía de 50.000 euros anuais. Este plan, financiado por La Caixa, leva realizándose na nosa cidade dende hai tres anos (o primeiro convenio asinouse o 2 de maio de 2016) baixo a coordinación da Fundación Meniños e, tal e como explica a concelleira de Benestar Social, a socialista Paloma Castro, “permite atender as necesidades dunhas 50 familias que se atopan en situación de risco de exclusión social”.

O proxecto busca mellorar as condicións de vida e incrementar as oportunidades dos menores en conxuntura de vulnerabilidade e das súas familias, promovendo a creación dunha contorna estable de cooperación entre tódolos axentes sociais implicados. “O programa busca favorecer o desenvolvemento das competencias do neno, nena ou adolescente e da súa familia, mellorando os seus procesos de inclusión social e autonomía; promover o desenvolvemento social e educativo dos menores no seu contexto familiar, escolar e social, e implementar un modelo de acción social e educativa integral, que axude a mellorar as súas oportunidades”, sinala Paloma Castro.

A Fundación Meniños é a encargada de coordinar a diversas entidades de Pontevedra, de xeito que poidan ofrecer servizos de logopedia, apoio escolar, coidados básicos, terapia psicolóxica e alimentación ás familias en risco de exclusión detectadas a través dos centros educativos, Servizos Sociais ou centros de saúde. 

Segundo suliña o responsable da Fundación en Pontevedra, Roberto Antón Santiago, “cada colectivo cubriría unha área determinada: a Asociación de Déficit de Atención por Hiperactividade atendería aos nenos que sofren esta condición, Meniños encargaríase da terapia psicosocial, a Fanpa das actividades de lecer e tempo libre…”. “Tamén se fan tarxetas de crédito cunha determinada cantidade de cartos para o coidado de bebés”, engade Antón.

Traballo en rede

A través do convenio aprobado hoxe en Xunta de Goberno, Concello, Consellería e La Caixa comprométense a identificar e analizar conxuntamente a distribución territorial das situacións de vulnerabilidade social e de risco de exclusión que afectan a un número considerable de menores e familias do municipio de Pontevedra; definir unha proposta de servizos conxunta, e impulsar o ‘traballo en rede’, aproveitando os recursos públicos e privados existentes no territorio e os proxectos de actuación de carácter innovador que poidan ser achegados por entidades colaboradoras.

A Concellería de Benestar Social acada deste xeito o compromiso de apoiar ás entidades non lucrativas colaboradoras na execución do programa, así como de designar como interlocutor do Concello a un responsable técnico con competencias en materia de servizos sociais.

COMPARTIR