Mañá comeza o asfaltado dos lombos de Eduardo Pondal e Otero Pedraio

6
  • A Concellaría de Obras que dirixe Demetrio Gómez, traballará mañá en Eduardo Pondal. O plan de tráfico prevé pasos alternativos de tráfico polo carril que quede operativo.
  • A intervención en Otero Pedraio será o xoves.

A instalación dos pasos sobreelevados en Eduardo Pondal e en Otero Pedraio está pendente do asfaltado que se realizará mañá, mércores e xoves. A Policía Local ten habilitado un operativo de tráfico para que as obras afecten o menos posible ao tráfico rodado.

En Eduardo Pondal, os traballos realizaranse mañá e o mércores. Suporán o peche dun carril de circulación, polo que se dará paso alternativo polo carril que queda dispoñible. Ademais, haberá unha restrición no xiro na glorieta de Vialia, para os vehículos que circulan dende Eduardo Pondal, en sentido rúa da Estación.

Os traballos desenvolveranse entre as 09:00 a 13:30 horas e de 15:00 a 19:30 horas.

O asfaltado do paso de peóns que se instala en Otero Pedraio será o xoves, 13 de febreiro, onde tamén están previstos pasos alternativos polo carril de circulación que queda dispoñible.

O Plan de barrios

Cabe lembrar que a Concellaría de Obras, que xestiona Demetrio Gómez, executa a colocación de seis pasos sobreelevados nas rúas Eduardo Pondal e Ramón Otero Pedraio, unha das poucas de dobre vía que non dispón deste redutor de velocidade. 

A obra responde á necesidade de instalar medidas de calmado de tráfico e de completar rutas accesibles na rúa, levantando as beirarrúas para que o peón non teña que baixar á calzada para cruzala. Ademais, tamén atenden a unha demanda veciñal que ten solicitado medidas redutoras da velocidade. 

O Concello actúa nos cinco pasos de peóns da rúa Eduardo Pondal situados entre a rotonda de Doce de Novembro e Ramón Otero Pedraio. Estes pasos xa existen na actualidade. O sexto paso de peóns créase fronte á entrada do albergue de peregrinos, xa que ao longo da rúa non existe ningún, agás despois da rotonda de Eduardo Pondal, o que supón un perigo para os transeúntes que pasan dun lado ao outro. 

A instalación de lombos en Eduardo Pondal está incluído dentro do Plan de Barrios, liña de traballo marcada neste mandato que quere estender o modelo de cidade aos barrios. Reflexo desta priorización son os anuncios realizados tanto no barrio de Eduardo Pondal como no Burgo, ou no ámbito de Raíña Vitoria. Estas actuacións complementaranse con outra obra de gran magnitude como a reforma de Loureiro Crespo e gran parte das rúas do Castañal, que está en proceso de contratación, por 2,9 millóns de euros.