‘O fenómeno Greta Thunberg’ protagoniza o Día da Muller e da Nena na Ciencia en Pontevedra

28
  • Terá lugar o venres 14 de febreiro cun encontro pola mañá para centros educativos no Teatro Principal e unha mesa redonda aberta ao público pola tarde na Casa das Campás

‘O fenómeno Greta Thunberg’ será o eixo dos dous encontros organizados polo Concello de Pontevedra con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. “Á marxe dos debates ao redor da figura de Greta Thunberg como activista, temos que ter en conta que é do xénero feminino, e isto é un indicio de que as cousas comezan a mudar e que as mulleres no ámbito da ciencia e do activismo comezan a dar pasos que noutros tempos serían dificílisimos” asegurou a concelleira de Cultura, Carme Fouces durante a presentación da xornada. 

Fouces fixo fincapé en que a figura de Thunberg “está provocando que moitos mozos e mozas anden ao redor do discurso do combate do cambio climático, e en Pontenvedra para nós sempre foi fundamental o impacto ambiental que o modelo de de cidade tivo durante todos estes anos, como exemplo de modelo sustentanble, pensado para as persoas e respectuoso co medio ambiente”. A concelleira tamén explicou que o obxectivo xeral da xornada é o de “visibilizar as mulleres na ciencia, nomeadamente con perfil científico, e cunha visión de país”.

A xornada celebrarase o venres 14 con dous actos diferenciados. Pola mañá, ás 11h no Teatro Principal, terá lugar un encontro de escolares coa científica e divulgadora Joana Magalhaes, bióloga portuguesa e doutora en bioquímica e bioloxía molecular, que actualmente é profesora convidada na Universidade da Coruña. Para asistir a este encontro, os centros educativos poderán inscribirse na alcaldía do Concello ou a través do Servizo de Normalización Ligüística.

Pola tarde, ás 20h na Casa das Campás, terá lugar unha mesa redonda aberta a todo tipo de público baixo o epígrafe ‘Muller e ciencia’. Participarán Xana Álvarez Bermúdez, enxeñeira forestal da Universidade de Vigo; Rosana Malvar Pintos, investigadora do CSIC e xefa do departamento de Xenética e Mellora Vexetal da Misión Biolóxica de Galicia; Peregrina Quintela Estévez, catedrática e investigadora de matemática aplicada galega; e Elena Vázquez Abal, licenciada en matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela e membro da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española.