Philippe Vieira, creador do movemento PHI, estará o vindeiro luns en Pontevedra para dar unha conferencia sobre como incrementar a produtividade empresarial

35
  • A charla, organizada por Promoción Económica, celebrarase na Casa da Luz ás 17:00 horas e abordará a aplicación do Progreso Humano Integral como sistema para aumentar a rendibilidade

O creador e director do movemento Progreso Humano Integral (PHI), Philippe Vieira, estará en Pontevedra o vindeiro luns 17 de febreiro para impartir unha charla na que abordará a aplicación deste novidoso sistema de xestión destinado a aumentar a produtividade e a rendibilidade nas empresas. A conferencia, organizada pola Concellería de Promoción Económica, que dirixe a socialista Yoya Blanco, celebrarase na Casa da Luz ás 17.00 horas e terá unha duración aproximada dunha hora, cun espazo aberto ás preguntas e o intercambio de experiencias.

Segundo explica a edil do PSOE, esta charla está especialmente pensada para tódolos empresarios e emprendedores do municipio, “aos que convido encarecidamente a asistir, xa que os conceptos que Philippe Vieira vai desenvolver son tan interesantes como prácticos”. Así, durante a sesión exporanse, entre outros contidos destacados, o concepto de PHI, as patoloxías empresariais, a aplicación da metodoloxía PHI en tres pasos, o significado de ‘Humanizar 360º’ e as solucións para mellorar a produtividade e a rendibilidade a través do capital humano.

O director do proxecto PHI Progreso Humano conta cunha dilatada experiencia e percorrido profesional no mundo empresarial. Cursou a súa carreira principalmente en París, iniciando o seu periplo como director no eido tecnolóxico das telecomunicacións e radiocomunicacións durante dez anos. A partir de 2000 adquire formación en RRHH, xestión de empresas e análise financeiro, ao tempo que comeza a desenvolver o seu labor como responsable de axencias de recursos humanos e traballo temporal.

Tras este período, a súa traxectoria oriéntase cara a xestión de empresas familiares, converténdose en director xeral no mundo da produción en artes gráficas e publicidade durante 12 anos. A continuación, en España, foi director, profesor e técnico deportivo en clubes de equitación, organizando e aplicando simultaneamente terapias integrados no ámbito da discapacidade físico-cognitiva.

Vieira comezará a tomar interese pola filosofía humanista aplicada ao mundo empresarial, laboral e, en xeral, a todo tipo de relacións humanas. Froito das súas múltiples experiencias, en 2019 crea PHI e dirixe este movemento coa finalidade de aumentar a produtividade e a rendibilidade nas empresas a través do valor do humano.

Toda a información sobre o proxecto pode consultarse a través da páxina web ‘www.phiprogresohumano.com‘ (o 26 de xuño de 2019 tivo lugar esta presentación de PHI Progreso Humano no Círculo de Empresarios de Vigo: https://youtu.be/s-Mx4mUOR9I).