Lores reivindica “cidades para as persoas” como medida efectiva para reducir emisións contaminantes no encontro de Ecologistas en Acción

44

‣O alcalde defende o cambio de paradigma aplicado na transformación urbana de Pontevedra e volve reclamar valentía política aos gobernos municipais para reducir o tráfico nas cidades

‣ Pontevedra foi o único exemplo dunha experiencia de éxito na xornada “Zonas de baixas emisións contra a contaminación e a emerxencia climática” organizada por Ecologistas en Acción

Establecer zonas de baixas emisións nas cidades para reducir a contaminación e loitar contra a emerxencia climática foi a tese analizada na xornada organizada por Ecologistas en Acción na Oficina da UE en Madrid, combinando relatorios de perfil científico con relatorios de perfil político. Na sesión de mañá, expuxéronse exemplos de experiencias levadas a cabo en Milán, Londres e Pontevedra, sendo presentada Pontevedra como a única experiencia de éxito.

O alcalde pontevedrés comezou a súa intervención reivindicando “un cambio de paradigma” e a necesidade de pensar en facer “cidades para as persoas para gañar non só en calidade do aire senón en calidade de vida.” Fernández Lores, que interviu tras as representantes de Milán e Londres, asegurou que “aínda que todas as cidades son diferentes, é nas cidades onde vive a xente maioritariamente e é necesario mellorar a calidade de vida todas” e que “as cidades grandes teñen a obriga de tomar medidas porque a xente non respira”. Nunha xornada na que todos os relatorios estiveron centrados en medidas e estatexias para reducir o tráfico e o número de coches en circulación, Lores volveu defender enerxicamente “a valentía política” para cambiar o paradigma. “Eu veño hoxe aquí dicir expresamente que non hai excusas para que desde os gobernos municipais non se tomen decisións que favorezan a calidade de vida nas cidades, e o que me extraña é que non se estea facendo porque está demostrado que só dá bo resultados: para a veciñanza, para o medio ambiente e mesmo electoralmente”

Gabinete de Comunicación. Alcaldia comunicacion2@pontevedra.eu www.pontevedra.gal

asegurou, ao tempo que lembrou que “o espazo público é unha competencia exclusiva dos alcades e das alcaldesas”.

Antes da intervención de Fernández Lores, interviu o investigador do CSIC, Xavier Querol quen defendeu que non é suficiente con peonalizar algunhas rúas senón que está demostrado que é necesario reducir o número de vehículos motorizados e, neste sentido, asegurou que as zonas de baixas emisións deben ser o máis amplas posibles, “o máis parecido a unha cidade enteira” puntualizou.

Sobre a redución de emisións, Fernández Lores ofreceu as cifras da redución de emisións de CO2 tras a transformación urbana da cidade situándoa nunha redución do 67% e explicou someramente as principais iniciativas postas en marcha, como a peonalización e a diversificación de usos do espazo público, a eliminación do tráfico de paso a través de bucles, e a eliminación de tráfico de axitación con aparcadoiros de borde e subterráneos.

Na sesión de tarde, tras unha análise da efectividade de Madrid Central en canto á redución de gases contaminantes, a xornada rematará cun debate no que participarán responsables dos gobernos municipais de Madrid, Barcelona, Valencia, Valladolid, e Pontevedra. A xornada contou con 100 persoas inscritas (o total do aforo), entre as que se contaban persoas con responsabilidades políticas municipais, técnicos e profesionais en materias relacionadas coa mobilidade sustentable e calidade do aire, activistas e persoas do ámbito académico.