Pontevedra acollerá o III Congreso sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e Dependencia

64
  • O simposio, organizado por In.Xurga (Xuristas Inclusiv@s) grazas á colaboración da Concellería de Benestar Social, celebrarase no Pazo da Cultura entre o venres 14 e o sábado 15 de febreiro
  • No evento inclúense relatorios sobre discapacidade e violencia de xénero ou terapia asistida con animais, a proxección de curtas e un taller de boxeo como ferramenta contra a violencia machista 

Baixo o lema ‘Loitando por unha sociedade máis igualitaria’ e a organización do colectivo In.Xurga (Xuristas Galeg@s pola Inclusión), Pontevedra acollerá entre o venres 14 e o sábado 15 de febreiro o III Congreso sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade e Dependencia. O simposio, patrocinado pola Concellería de Benestar Social, que dirixe a socialista Paloma Castro, incluirá diversos relatorios sobre experiencias persoais en materias como discapacidade e violencia de xénero ou terapia asistida con animais, así como unha mañá de proxección de curtametraxes e mesmo un obradoiro de boxeo como ferramenta para combater a violencia machista.

O congreso dará comezo o venres pola mañá cunha sesión ‘prexornada’ de carácter privado, cunha xuntanza da Xunta Directiva de In.Xurga e a celebración dunha Asemblea Xeral Extraordinaria e do I Curso de Adaptación de Textos á Lectura Fácil en Castelán e Galego, que impartirá Ana María Castro Martínez, directora do simposio. 

Xa pola tarde, a partires das 16.00 horas, desenvolverase diversas intervencións baixo o epígrafe común de ‘Mulleres con discapacidade/dependencia camiñando cara á igualdade’: Lorena Di Battista, muller con discapacidade, dará unha charla titulada ‘A miña filla non era unha rebelde, era unha vítima de violencia de xénero’; María José Rial Galiñanes, muller en situación de dependencia, explicará o camiño ‘Da dependencia á independencia con apoios de persoas coidadoras’; Lourdes Díaz Sánchez, muller con discapacidade, falará sobre ‘Muller e movementos sociais en Galicia’, e Matías Sánchez Caballero, home con discapacidade, protagonizará un relatorio sobre ‘Baixa Visión e Violencia de Xénero’. A sesión pecharase cun debate.

Mañá de cine adicada ás persoas maiores

A organización deseñou para a xornada do sábado unha mañá de cine, coas persoas maiores como protagonistas, na que o director de cine Nani Matos presentará e proxectará a curtametraxe ‘Dies Dei’, antes de dar paso a un debate sobre persoas maiores en situación de dependencia. Outra curta de Matos, ‘Flores para Amalia’, será proxectada como antesala dun coloquio sobre a soidade durante a vellez.

A sesión matutina rematará cun obradoiro impartido por Ana María Castro Martínez sobre ‘Adaptación de textos á lectura fácil’, enmarcado na realización dun experimento con fins científicos. Tralo xantar, chegará unha nova quenda de relatorios que, baixo o título de ‘Abrindo novas vías á inclusión’, incluirá unha ponencia sobre ‘Terapia asistida con animais na discapacidade’ a cargo María Jesús Vázquez Seoane e outra na que Luis Vázquez Alfonsín, un home en situación de dependencia que exporá a súa experiencia de abandono institucional.

Ás 17.30 horas celebrarase un obradoiro no que David Burgos Ruibal amosará o valor do boxeo como unha ferramenta para loitar contra a violencia de xénero e que incluirá unha exhibición da campiona de España de Formas de Boxeo, Uxía Silva Ruibal. Unha charla de Yaiza Fernández Abal sobre ‘O día a día da persoa maior con discapacidade/dependencia’ e outra de Silvia Sabarís Abal titulada ‘Proxectos de In.Xurga in crescendo’ darán paso ao debate e ao acto de peche do congreso.

O evento ten entrada de balde ata completar aforo e as inscricións ao mesmo poden realizarse a través do link (http://www.actiweb.es/inxurga/servicios.html). Ao finalizar, farase entrega dun diploma acreditativo ás persoas participantes.

COMPARTIR