Alumnos do IES San Tomé de Freixeiro achéganse a Pontevedra para facer a Camiñada con Castelao

    0

    A Concellaría de Normalización Lingüística organiza mañá unhas Camiñadas con Castelao para 60 mozos e mozas de 4º de Educación Secundaria do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo). Acompañados dunha profesora, dous grupos de estudantes comezarán o percorrido ás 9.45 h e 11.45 h desde a praza de San Xosé. Visitarán a Sala Castelao do Museo fóra da camiñada.

    Nesta camiñada búscase a presenza da lingua na cidade seguindo os pasos de Castelao por Pontevedra. A cidade de Pontevedra, neste roteiro, convértese na testemuña da vida de Castelao e do seu traballo a prol da lingua. Aprovéitase o paseo para recordar outros fitos da historia da cidade.

    O percorrido que realizará o grupo comeza na praza de San Xosé cunha parada no edificio onde se situaba o Café Moderno, segue pola rúa da Oliva, praza da Ferraría, praza da Verdura, praza da Leña, igrexa de San Bartolomeu, Sexto Edificio do Museo, praza da Pedreira, rúa de César Boente, praza de Méndez Núñez, Rúa Real, praza das Cinco Rúas, praza do Teucro, Teatro Principal e remate na praza de Santa María.

    Este roteiro encádranse dentro das camiñadas que o Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, ten en marcha para dinamizar o uso da lingua galega. Os percorridos están deseñados para vincular o uso da lingua galega ao espazo urbano a través da achega a diferentes persoeiros de relevancia para a historia local e a lingua. Os obxectivos cos que se desenvolven son: ligar o uso do idioma aos espazos urbanos da cidade; recuperar e difundir a memoria histórica do idioma en Pontevedra inserida na historia da lingua galega e dinamizar os usos orais da lingua galega no ámbito urbano. Están dirixidas a grupos de entre 15 e 50 participantes.

    Pódese atopar máis información sobre o contido dos percorridos e realizar solicitudesen: https://snl.pontevedra.gal/para-ti/caminadas/