A rúa Echegarai estará plenamente operativa en 10 días

92
  • Incluirá aparcadoiros de servizos en ambas marxes e aparcadoiros específicos para ambulancias e servizos de garda na contorna do ambulatorio Virxe Peregrina
  • As obras centráronse na renovación dos servizos soterrados para ampliar a calidade urbana a todas as rúas da cidade

A rúa Echegarai estará plenamente operativa en 10 días, unha previsión que podería ter alongarse ou acurtarse en aproximadamente 3 días dependendo das condicións meteorolóxicas. Confirmouno está mañá o alcalde nunha visita á última fase das obras de reforma, acompañado polos concelleiros Raimundo González e Demetrio Gómez, polo director xeral de Mobilidade, Jesús Gómez Viñas, e por responsables de Viaqua e de COVSA, a empresa que está a realizar os traballos.

O alcalde amosou a súa satisfacción pola intervención, asegurando que supón “un cambio substancial” e que “o resultado é unha mellora da calidade urbana nunha rúa á que lle facía moita falta”. Indicou que o máis salientable desta actuación foi a renovación de todos os servizos soterrados, mentres que na superficie da rúa se ampliaron as beirarrúas, se mellorou o pavimento da calzada e se fixo unha reordenación do tipo de  aparcadoiros que se permitirán, atendendo ás peticións da veciñanza. 

Así, na contorna do Centro de Saúde Virxe Peregrina unha das marxes estará dedicadoa exclusivamente a ambulancias e servizos de garda do propio centro e a outra a aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida; o resto da rúa contará con aparcadoiros para motos e de servizos e carga e descarga en ambas marxes. Tamén está previsto incluír alcorques con árbores ao longo de toda a rúa.

Fernández Lores lembrou que esta reforma é unha das incluídas dentro das ofertas do contrato da auga, cun orzamento de 696.064,21 euros, e asegurou que supón “un avance a respeito de mellorar a calidade urbana en todas as rúas de Pontevedra”.

Datos técnicos do proxecto

A reforma da rúa Echegarai está orientada á renovación dos servizos soterrados, especialmente o saneamento e abastecemento, no marco das ofertas da concesionaria do Ciclo da Auga, Viaqua, na sinatura do novo contrato. 

O saneamento cambiouse en ambas beirarúas, o que supuxo a instalación de 425 metros lineais de tubaxe, 28 pozos e 37 acometidas. 

No abastecemento de auga, substituíuse a rede na marxe dereita (de saída da cidade) xa que a esquerda é nova, e instaláronse 14 unidades de acometida. 

Tamén se reformaron as redes de pluviais por ambos lados até completar 425 metros lineais, 23 pozos, 37 acometidas, e 26 sumidoiros. 

Outra das actuacións foi a substitución de toda a canalización eléctrica cunha lonxitude de 425 metros. 

A reforma en superficie segue os mesmos estándares de calidade que o resto da cidade. Gáñase espazo para os peóns ampliando as beirarrúas, cunha superficie de 1.804 m2 de urbanización de beirarrúas, e 1.634 m2 de aparcamentos e de vía.