Concello e UVigo activan Ponte Veteris, un videoxogo para viaxar á Pontevedra medieval

18
  • Foi deseñada como unha aplicación pedagóxica, orientada especificamente para alumnado, mais pode ser descargada por todo tipo de público 
  • Propón un roteiro circular polo casco histórico da cidade centrado nas confrarías e na concesión do Foro a Pontevedra

“Nunha cidade como Pontevedra, concibida para camiñar, hoxe presentamos unha nova opción para percorrer a cidade, a través dun videoxogo que propón un roteiro circular que fisicamente nos leva polas rúas da Pontevedra do século XXI e virtualmente nos traslada ás rúas do século XII”. Así presentaba o concelleiro de Memoria e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, o videoxogo Ponte Veteris que xa se pode descargar a tarés de Play Store.

Esta aplicación, que foi deseñada e desenvolvida polo grupo de innovación docente da Universidade de Vigo ComTecArt, forma parte das accións programadas polo Concello de Pontevedra para celebrar o 850 aniversario da concesión do Foro á cidade de Pontevedra e que vai vinculado a unha unidade didáctica para traballar nas aulas de primaria e secundaria contidos históricos relacionados coa cidade. “O videoxogo nace orientado expresamente para alumnado máis pensamos que é interesante para todo tipo de públicos” explicou Moreda, quen animou “a todo o mundo a xogar e coñecer a cidade dun xeito diferente”.

Desde o equipo de deseño e desenvolvemento, o profesor de Telecomunicacións da UVigo, Antonio Pena explicou que o videoxogo está ambientado en seis escenarios da cidade que se corresponden con seis confrarías -as precursoras dos gremios-, e cada xogadora ou xogador debe ir superando seis minixogos a través dunha trama, que consiste en conseguir a concesión do Foro para Pontevedra. 

Antonio Pena indicou que “o xogo é bastante complexo no sentido de que é non lineal totalmente” e, en termos xerais, o seu funcionamento consiste en “conseguir unhas claves que están encriptadas e a base de ir facendo os minixogos vanse desencriptando para despois intentar resolver o enigma final”. O enigma no que se basea a trama está relacionado coa concesión do Foro para a cidade, que está en perigo durante todo o xogo. A aplicación permite escoller un personaxe-apariencia para xogar e ademais conta cun personaxe guía, o Lorichol. “Un personaxe xenuinamente pontevedrés” en palabras de Xaquín Moreda, que irá introducindo aos xogadores e xogadoras, dun xeito lúdico pero con rigor histórico, na historia medieval da cidade. 

Na presentación de Ponte Veteri, ademais do concelleiro e parte do equipo de ComTecArt, tamén estiveron presentes membros de Game Troop.

COMPARTIR