Medio Natural remata a renovación paisaxística da rotonda e os xardíns da cabeceira sur da ponte da Barca e gaña un novo espazo de descanso e miradoiro

23
  • Logo da renovación do céspede e da plantación de varios exemplares arbóreos de elevado porte, só queda pendente a colocación dun banco cerca do cruceiro próximo ao muro das Doroteas
  • Os traballos, para os que o Servizo de Parques e Xardíns destinou un orzamento que ronda os 10.000 euros, incluíron a colocación de tepes e a plantación de diversas plantas vivaces arbustivas

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, está a piques de rematar o proxecto de posta en valor e renovación paisaxística da rotonda e os xardíns ubicados na cabeceira pontevedresa da ponte da Barca, que dá cara as rúas Echegaray e Paseo de Colón. Logo de que os operarios da empresa O Piñeiro completasen o subministro e plantación de varios exemplares arbóreos de elevado porte, en concreto de tres pradairos palmatum disectum e dúas cerdeiras pendula, só queda pendente a colocación dun banco na zona verde próxima ao muro do colexio das Doroteas, onde se atopa ubicado o cruceiro.

Deste xeito, tal e como sinala Iván Puentes, “ademais de mellorarse substancialmente a imaxe desta importante zona de entrada e saída ao centro urbano, vaise gañar un espazo de descanso e miradoiro cara a ponte da Barca e a ría de Pontevedra”. Os traballos, para os que o Servizo Municipal de Parques e Xardíns destinou un orzamento que ronda os 10.000 euros, incluíron a renovación da totalidade do céspede mediante a colocación de tepes e a conformación dunha nova composición paisaxística, na que, á marxe das árbores citadas, engadíronse diversas plantas vivaces arbustivas: tulbaghia violacea, carex variegado, teucrium e lantana montevidensis.

“Incorporaranse ademais algunhas plantas de tempada, xerando unha combinación dunha calidade visual e paisaxística acorde coa relevancia dun dos principais accesos á cidade -suliña Puentes- e que se traducirá nunha gran variación cromática e de floración durante o ano”.