A concelleira Yoya Blanco organiza dúas xornadas para que o persoal dos hoteis adquira formación sobre os atractivos turísticos do municipio de Pontevedra

162
  • A guía e técnica municipal Raquel Abollo dirixirá estes itinerarios formativos, que permitirán que os profesionais adquiran ferramentas para ofrecer consellos útiles aos visitantes

Tal e como anunciara tras manter reunións con membros do colectivo de hoteleiros de Pontevedra, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, a socialista Yoya Blanco, organizou dúas xornadas para que o persoal que traballa nos hoteis da cidade adquira formación específica sobre os atractivos turísticos cos que conta o municipio. A actividade desenvolverase entre mañá e o xoves, con grupos de mañá e de tarde, e contará coa participación de 35 profesionais, na súa meirande parte persoal de recepción e tamén camareiros, aos que se lles facilitarán coñecementos e ferramentas para que poidan ofrecer consellos útiles e recomendacións aos visitantes.

A guía e técnica municipal Raquel Abollo será a encargada de impartir esta formación e de dirixir os itinerarios, que, á marxe de mencionar lugares emblemáticos, como a basílica de Santa María, A Ferrería, As Ruínas de Santo Domingo ou a igrexa da Peregrina, “buscan resaltar o feito de que a nosa cidade ten moitas outras cousas que ofrecer, como uns fantásticos roteiros de sendeirismo aos que se pode chegar sen necesidade de coller o coche”. “Acontece con bastante frecuencia que, tras pasar pola cidade e coñecer a súa enorme oferta, os visitantes dinnos aquelo de: ‘Se o chego a saber teríame quedado máis en Pontevedra’”, apunta Abollo.

O primeiro dos grupos aos que se ofrecerá formación está composto por 15 persoas, convocadas para mañá ás 10:00 horas na Casa da Luz. Xa pola tarde, ás 17:00 horas, reunirase a outro de 9 profesionais na sede turística (os horarios repetiranse na xornada do xoves).