Comeza o formigonado na cabeceira norte da Ponte do Burgo

63
  • Durante as dúas xornadas que se prevé que duren os traballos, habilitarase un paso peonil alternativo cara ao aparcadoiro de borde 
  • A vindeira semana comezarán as obras de colocación do alumeado, que durarán tres meses

O concelleiro de Obras Urbanas, Demetrio Gómez, vén de informar que durante a xornada de mañá e de pasado se levará a cabo o formigonado da praza da cabeceira norte da Ponte do Burgo. Estes traballos obrigarán a cortar o paso peonil nesa área, polo que se habilitará unha ruta alternativa pola marxe do río cara ao aparcadoiro de borde situado fronte ao pavillón municipal. 

O concelleiro explicou que á nova praza se lle dará unha prancha de formigón contínua, á que se lle realizarán cortes para facilitar futuras reparacións. Tras esta pavimentación, procederase á colocación do arborado e do mobiliario e, por último, ao asfaltado da calzada. Estes serán os últimos traballos da obra civil e que permiten o inicio, xa na vindeira semana, da instalación do cableado para a futura iluminación. 

A colocación do alumeado, que corre a cargo da empresa adxudicataria SETGA e ten un prazo de tres meses, comprende tres tipos de iluminación: superficial rasante, con puntos azuis que marcarán o Camiño de Santiago; rasante embutida na varanda dirixida cara o taboleiro; e unha terceira que dará luz aos arcos, polo exterior e interior.

Demetrio Gómez tamén anunciou que o prazo para ter rematada a obra civil é o 27 de febreiro pero que “malia a que imos ben para rematar nesa data, solicitamos unha prórroga de tres meses”. Asegurou que “non temos intención ningunha de gastar esa prórroga” pero que foi solicitada por prudencia ante a posibilidade de atrasos por cuestións, como por exemplo, condicións meteorolóxicas que dificulten os traballos. Indicou que o prazo da prórroga é estándar e que foi solicitado en base a informes técnicos que xustificaron a pertinencia da solicitude, que se baseou no retraso da obra por causa da rotura da tubaxe da auga á altura das Corvaceiras o pasado mes de novembro. 

Hai que lembrar que o proxecto de posta en valor da Ponte do Burgo está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) “Máis Modelo Urbano Pontevedra”.

COMPARTIR