Máis de 200 deportistas participarán mañá na Illa das Esculturas no XXVI Campionato Galego de Campo a Través para Persoas con Discapacidade Intelectual

52
  • O evento, organizado pola Federación de Deporte Adaptado, contará coa participación de 17 clubes procedentes de toda Galicia e dividirase nas categorías de Competición, Adaptada e Xogo

Máis de 200 deportistas participarán mañá na Illa das Esculturas no XXVI Campionato Galego de Campo a Través para Persoas con Discapacidade Intelectual, organizado pola Federación autonómica de Deporte Adaptado en colaboración coa Concellería de Deportes, que dirixe o socialista Tino Fernández. A cita, que se celebrará entre as 11:00 e as 13:30 horas, é considerada unha das probas máis relevantes por parte do ente federativo e a ela acoderán 17 clubes de toda a Comunidade.

O evento foi presentado hoxe en rolda de prensa por Tino Fernández en compañía da secretaria da Federación Galega de Deporte Adaptado, Susana García; a secretaria do Club Polideportivo Juan XXIII, María Franco, e un dos deportistas do equipo pontevedrés (que acoderá á cita con 20 atletas), Fernando Iglesias. O Campionato dividirase, como ven sendo habitual, nas categorías de Competición, Adaptada e Xogo, tanto a nivel escolar como federado, e Masculino e Feminino. 

Segundo explicou García, “as distancias que deberán completar os participantes nesta proba, a terceira organizada pola Federación Galega dun total de 30 programadas, oscilarán entre os 500 e os 3.200 metros”. “Tódolos deportistas -apuntou- disporán de vestiarios no campo de herba sintética da Xunqueira II entre as 9:30 e as 14:00 horas e tamén se lles subministrará froita e bebida ao finalizar as diferentes probas”.

Tal e como suliñou o concelleiro de Deportes, “o circuíto estará perfectamente sinalizado e contará con voluntarios identificados, unha ambulancia e servizo médico”. A apertura da oficina de recepción de clubes e entrega de dorsais producirase ás 10:00 horas, quince minutos antes do recoñecemento do circuíto, estando previsto o inicio das probas para as 11:00 horas. “A primeira será a de Xogo de 15 anos ou menos, tanto feminina como masculina, cunha distancia de 500 metros, e a continuación celebraranse a feminina e a masculina de máis de 15 anos, que cubrirá unha distancia de 600 metros”, indicou Fernández.

Para as 12:00 horas está prevista a saída das categorías Adaptada Feminina de máis de 15 anos e Adaptada Masculina de 15 anos ou menos, que competirán na distancia de 1.500 metros; ás 12.20 horas sairán os da Adaptada Masculina de máis de 15 anos, que completarán 2.100 metros, e arredor das 12.40 horas as de Competición Feminina de maiores de 15 (tamén 2.100 metros). Ás 13.00 horas chegará a quenda dos deportistas da categoría de Competición Masculina de máis de 15 anos, cunha carreira de 3.200 metros.

Fernando Iglesias, que participará na categoría de Adaptada Masculina de máis de 15 anos, afronta o Campionato con dous obxectivos: “desfrutar dun día diferente practicando deporte con outros atletas de diferentes lugares de Galicia e chegar á meta tras completar o percorrido de dous kilómetros”.

COMPARTIR