O Concello inviste ao redor de 50.000 euros por vivenda en saneamento e abastecemento en Bora

15
  • Veñen de ser aprobados dous proxectos para a amplicación da rede de abastecemento para a parroquia de Bora e algúns lugares de Mourente cun orzamento de 4.785.791,91 euros
  • Paralelamente aprobouse un proxecto para a ampliación da rede de saneamento cun orzamento de 2.670.277,88 euros
  • A execución destes proxectos, que suman máis de 7,4 millóns de euros, completará a dotación de servizos na parroquia

A Xunta de Goberno local aprobou na sesión desta semana tres proxectos para ampliar a rede de abastecemento e saneamento na parroquia de Bora e nalgúns lugares de Mourente, que en total suman un orzamento superior aos 7,4 millóns de euros. A portazoz do goberno municipal, Anabel Gulías, asegurou que unha vez se executen estes proxectos a parroquia de Bora terá completas as redes de abastecemento e saneamento e cifrou o investimento nesta materia en ao redor de 50.000 euros por vivenda.

Gulías explicou que os dous proxectos da rede de abastecemento suman 4.785.791,91 euros para un total de 383 vivendas, o que suporía un investimento de 12.496 euros por vivenda. A concelleria lembrou que este proxecto corresponde a unha rede secundaria, polo que habería que engadir o investimento da rede primaria -a que se executou previamente para canalizar as tubaxes cara as vivendas-, polo que a cifra neste apartado ascende aos 25.000 euros por vivenda. 

En canto ao saneamento, o importe total ascende a 2.670.277,88 para 158 vivendas, do que resulta un investimento de 16.901 euros por vivenda. A esta cifra tamén habería que engadirlle os traballos previos da rede, como por exemplo o investimento nos colectores primarios, que sumarían ao redor de 27.000 euros por vivenda. En definitiva, e segundo indicou Anabel Gulías o investimento total situaríase entre os 50.000 e os 55.000 euros por vivenda.

Os proxectos

O proxecto ‘Ampliación da rede de abastecemento desde a saída 2 do depósito de Castro Senín-parroquia de Bora’ ten un orzamento de 2.954.429,94 euros e un prazo de execución de 20 meses. Os lugares da parroquia de Bora nos que se levará a cabo a instalación de canalizacións son Leirados, O Teso, Cara, As Pontes, Vilares, O Quinteiro, O Tombo, A Lameliña, O Pio, O Couto, O Valo e Portamuiño. En Mourente a canalización realizarase nos lugares de A Raixera, Eirós e Carabelos.

O proxecto ‘Ampliación da rede de abastecemento desde a saída 2 do depósito de Castro Senín-parroquia de Bora’ ten un orzamento de 1.831.361,97 euros e un prazo de execución de 13 meses. Esta intervención supón a canalización nos lugares de A Corval, A Igrexa, As Leiras, O Tombo, A Cardosa, e O Salgueiral.

O proxecto para a ampliación da rede de sumidoiros na parroquia de Bora conta cun orzamento de 2.670.277,88 euros, ten un prazo de execución de 19 meses, e está proxectada para as 158 vivendas que ata o de agora non contaban con este servizo.

COMPARTIR