Os hostaleiros do contorno do Teatro Principal celebrarán o Entroido e o Salón do Libro de Pontevedra con festas de temática mexicana e italiana

108
  • Trátase dunha iniciativa de dinamización comercial impulsada por Promoción Económica e na que participan La Cata, Taberna Zentola, Jaqueyvi, El Bocaito, Merry’s e Pulpería As Campás

Unha festa de temática mexicana que se celebrará durante o Entroido, entre este xoves 20 de febreiro e o domingo 8 de marzo, inaugurará un proxecto impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa asociación Centro Comercial Urbano Zona Monumental (CCU ZM) para dinamizar o contorno do Teatro Principal. Entre os establecementos de hostalería implicados nesta acción festiva figuran Taberna Zentola, Jaqueyvi, El Bocaito, Merry’s, Pulpería As Campás e La Cata.

A iniciativa terá continuidade entre os días 9 e 28 de marzo, coincidindo coa celebración do Salón do Libro de Pontevedra, con outra festa, neste caso de temática italiana (país ao que está adicado precisamente o salón). Segundo sinala a concelleira de Promoción Económica e Turismo, “cada unha das propostas temáticas irá acompañada da ambientación específica, con adornos, grilandas, cores e bandeirolas”, así como “dunha oferta gastronómica ‘ad hoc’ e dun soporte histórico e cultural axeitado”.

“O obxectivo -explica Yoya Blanco- é realzar a actividade comercial do contorno do Teatro Principal mediante o desenvolvemento de accións conxuntas. Ademais, queremos que os clientes poidan implicarse e participen adquirindo protagonismo nestas propostas temáticas, de xeito que as súas experiencias resulten agradables e moi satisfactorias”.