Benestar Social pon en marcha uns Obradoiros de Prevención de Condutas Adictivas nos institutos

29
  • Os talleres están dirixidos a alumnos de 1º a 4º da ESO e ciclos de FP e neles trabállanse tanto adiccións a substancias (alcohol, tabaco, cannabis…) como de comportamento (mal uso das TIC)

A Concellería de Benestar Social, que dirixe a socialista Paloma Castro, acaba de poñer en marcha uns Obradoiros de Prevención de Condutas Adictivas nos institutos da nosa cidade. Os talleres están dirixidos a poboación estudantil de 1º a 4º curso da ESO, así como de ciclos de FP, e neles trabállanse tanto adiccións a substancias (tabaco, alcohol, cannabis…) como aquelas outras de comportamento (caso do mal uso das novas tecnoloxías).

Este programa de obradoiros de prevención intégrase nas accións que o Concello de Pontevedra desenvolve no eido educativo no marco do Plan Municipal de Prevención de Condutas Adictivas, en colaboración coa Consellería de Sanidade. Un equipo de educadoras expertas en prevención de condutas adictivas cunha gran bagaxe en traballo grupal encargarase de impartir os talleres ata o vindeiro mes de maio nos IES Frei Martín Sarmiento, Torrente Ballester, Luis Seoane, Valle Inclán, A Xunqueira I e A Xunqueira II; os colexios Calasancio, Sagrado Corazón e Sagrado Corazón de Praceres, e o CIFP A Xunqueira.

Paloma Castro explica que a Concellería de Benestar Social prevé unha participación duns 2.800 estudantes no programa. “Cada grupo de aula recibe unha formación consistente en catro sesións de 50 minutos de duración, adaptadas a súa idade, onde se desmontan mitos e se analizan os patróns de consumo e as estratexias publicitarias das diferentes marcas, afondando nas consecuencias do consumo ou mal uso e reforzando a actitude crítica para facer fronte á presión grupal”, apunta a edil do PSOE.

Asemade, dentro desta actividade realízanse diferentes concursos para favorecer a implicación do alumnado e tense en conta que a información por si soa non é preventiva, xa que, como sinala Castro, “o que se pretende é que non se normalicen certas actitudes”. 

Non obstante, este programa non é unha intervención illada, senón que se enmarca dentro dun conxunto de actividades organizadas dende o Plan Municipal de Prevención de Condutas Adictivas: Escolas de Familia, prevención a través do cinema e Obradoiros de Educación para a Saúde destinados ao alumnado de Primaria. “Tentamos chegar a toda a comunidade educativa -afirma Paloma Castro- dende unha perspectiva integradora”.