Pontevedra converterase entre o 29 de abril e o 2 de maio en sede dos X Xogos Nacionais de Trasplantados

155
  • A Asociación Deporte e Trasplante España, que organiza o evento en colaboración coa Concellería de Deportes, agarda que a participación alcance a cifra récord de 150 deportistas 

Pontevedra converterase entre os días 29 de abril e 2 de maio en sede dos X Xogos Nacionais de Trasplantados, organizados pola Asociación Deporte e Trasplante España grazas á colaboración da Deputación provincial e a Concellería de Deportes, que dirixe o socialista Tino Fernández. Durante o evento desenvolveranse probas nunha ampla variedade de disciplinas deportivas, entre as que se inclúen atletismo, bádminton, ciclismo, golf, mini maratón, natación, pádel, tenis, tenis de mesa, petanca, dardos, bolos e triatlón virtual.

Trátase dunha competición que, tal e como asegurou hoxe no acto de presentación dos Xogos o vicepresidente da Asociación Deporte e Trasplante, Carlos Sánchez, “incrementa ano a ano o número de participantes, chegando na edición do ano pasado ás 138 persoas, das que 81 eran trasplantad@s (de órgano sólido ou medula) ou estaban en diálise”. “A nosa expectativa -afirmou Sánchez- é que nestes X Xogos Nacionais poidamos chegar á cifra récord dos 150 deportistas”.

O concelleiro Tino Fernández, que acompañou ao vicepresidente da Asociación na rolda de prensa, destacou o feito de que “dúas das probas programadas vanse abrir á participación cidadá: a carreira-marcha de 5 kilómetros (mini maratón), que terá lugar o 1 de maio pola tarde, e a competición individual de golf, que se celebrará ese mesmo día pola mañá”. O tenente de alcalde e edil de Deportes agarda que esta iniciativa “teña unha boa acollida por parte da cidadanía y que moitos pontevedreses se animen a unirse a esta festa da actividade física, a saúde e o deporte”.

Ademais do vicepresidente da Asociación Deporte e Trasplante e o edil de Deportes, tamén participaron no acto de presentación do evento Carlos Iglesias, voceiro da Asociación; Marisa López, directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS); os deputados provinciais Gorka Gómez e Manuel González, e José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

No calendario de probas de atletismo inclúense carreiras de 60 metros (para 50 ou máis anos), 100 metros (49 anos ou menos), 200 metros, 400, 1.500 e 3.000; marcha; relevos 4×100; lanzamentos de bola, peso, xavelina e disco, e saltos de altura e lonxitude. En natación, haberá competicións de estilo libre en 25, 50, 100 e 400 metros; relevos 4×25; 50 metros braza, 50 metros costas e 50 bolboreta. No que atinxe ao ciclismo, celebraranse unha carreira cronometrada de 10 kilómetros e outra en ruta de 30.

Segundo explicou Tino Fernández, “á hora de elaborar a clasificación do triatlón virtual terase en conta o tempo acumulado nas seguintes probas: o mini maratón de 5 kilómetros, a carreira ciclista de 30 kilómetros e os 400 metros de natación estilo libre”.

As instalacións

As probas deportivas dos Xogos Nacionais de Trasplantados serán acollidas tanto ao aire libre como por diferentes instalacións de Pontevedra. O Parque Polideportivo do Casino Mercantil e Industrial (lugar de Cons, Mourente) será sede o día 29 de abril pola mañá dos campionatos individual e de dobres de tenis; o Pavillón Príncipe Felipe (Montecelo), dos de tenis de mesa e bádminton esa mesma xornada pola tarde, e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), dos de natación e atletismo, ambos o 30 de abril pola mañá.

O Campo de Meis acollerá as probas de golf (30 de abril e 1 de maio pola mañá), o Centro Deportivo Socio Cultural Militar Campolongo a de pádel (30 de abril pola tarde) e as pistas de terra da Alameda a de petanca. A avenida de Montero Ríos será tamén escenario do percorrido urbano da carreira-marcha (1 de maio pola tarde), mentres que as carreiras de ciclismo en ruta e contrarreloxo desenvolveranse nas inmediacións da Ponte dos Tirantes (o 2 de maio pola mañá).

Un establecemento hostaleiro, a cafetería Play, na rúa Cruz Gallástegui, porá as súas instalacións ao servizo dos participantes na competición de dardos (2 de maio pola tarde).

Como actos previos á celebración do evento, a Asociación Deporte e Trasplante España ten previsto realizar un izado simbólico da bandeira dos X Xogos Nacionais de Trasplantados na primeira quincena de marzo e celebrar unha xornada de apertura na tarde do 28 de abril (en vésperas do inicio das probas).

Todos aqueles que queiran obter máis información acerca do evento poderán facelo a través da web ‘www.deporteytrasplanteespana.com‘ ou do email ‘contacto@deporteytrasplanteespana.com‘. 

COMPARTIR