Ravachol ingresa na estirpe Sargadelos

205
  • A nova figura non formará parte do catálogo xeral da firma e será de venda exclusiva en Pontevedra
  • Será incluída nos agasallos que o Concello de Pontevedra entrega no Entroido

Tras un proceso de preto de dous anos, o loro Ravachol xa conta cunha figura propia realizada en cerámica de Sargadelos. Foi presentada esta mañá polos propietarios da Galería Sargadelos en Pontevedra, Rafa e Diego Torrado, e pola concelleira de Festas, Carme da Silva, quen salientou que a importancia de que “o loro Ravachol forme parte da fauna de Sargadelos e de toda a simboloxía de Entroido que ten esta casa”.

Da Silva fixo fincapé en que “Ravachol que é un símbolo do Entroido pontevedrés, que ademais é o Entroido urbano máis importante do país, agora tamén forme parte doutro símbolo importante que é Sargadelos”. A concelleira indicou que esta nova figura unifica “a cultura da cerámica de Sargadelos coa cultura do Entroido, e non hai que esquecer que Ravachol pertencía a Perfecto Feixoo, outro gran símbolo da nosa cultura musical, polo que se unen Entroido, cultura, música a cerámica”. 

Pola súa banda, Diego Torrado explicou que a figura de Ravachol non será incluída no catálogo xeral de Sargadelos, senón que será de venda exclusiva na tenda da rúa Oliva. Ademais da venda ao público, tamén será incluída nos agasallos que o Concello de Pontevedra entrega no Entroido. 

Na tenda de Sargadelos en Pontevedra tamén pode coñecerse como se realiza a fabricación da figura a través dunha pequena exposición de prototipos que se corresponden cos distintos momentos do proceso. Así, poden verse o primeiro modelo en barro, o seguinte en escaiola, outro coa primeira capa de pintura, e o último coa capa final de verniz brillante característico de Sargadelos.

COMPARTIR