O Concello explica nas parroquias os proxectos da auga que están en execución

15
  • O concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, e responsables técnicos da empresa Viaqua ofrecen información pormenorizada sobre o trazado das canalizacións e vivendas beneficiaras en cada lugar
  • Esta semana as xuntanzas están programadas en Mourente e Marcón, e despois do entroido terán lugar en Bora, Salcedo e Lourizán

O local da Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente acolleu, na tarde de onte, a primeira das xuntazas que o Concello ten programadas para explicarlle de primeira man á veciñanza os pormenores dos proxectos de abastecemento de auga no rural. Trátase dunha xeira de reunións informativas nas que participan o concelleiro de Coordinación do Rural, Alberto Oubiña, e responsables técnicos de Viaqua, a empresa concesionaria do servizo, para explicar en detalle os proxectos que xa están aprobados e que xa iniciaron a fase de execución. 

Cuestións como o trazado das canalizacións, as vivendas beneficiarias en cada lugar, o procedemento de solicitude de conexión á rede ou dúbidas sobre aspectos puntais da execución dos traballos centraron onte unha xuntanza cunha gran acollida por parte da veciñanza convocada. Hai que lembrar que o proxecto de abastecemento que actualmente está en execución na parroquia de Mourente conta cun orzamento de 4.614.231,28 euros e está proxectado para dar servizo a 610 vivendas, das cales 127 se sitúan nos lugares de Condesa, Leirós e Carabelos, 138 en Cons e O Pazo, 89 en Igrexa e A Bouza, 177 en Areás, O Monte e Casas Novas, e 79 en A Raxeira, Mourente e Freixeiro.

Tras a xuntanza de onte, hoxe será a Casa Parroquial de Marcón a que acolla ás 20:30 a sesión programada coa veciñanza desta parroquia. O proxecto de abastecemento en execución en Marcón ascende a 4.337.626,97 euros e dará servizo a 448 vivendas, das cales 90 se sitúan no lugar de A Ermida, 125 en A Barcia e A Cardosa, 109 en Vilafranca, Marcón e Pazos, 86 en Ría de Abaixo e Ría de Arriba, e 38 en San Amaro e Moldes (este último pertence a Mourente pero está incluído no proxecto de Marcón).

A semana despois do Entroido, está previsto continuar con estas sesións informativas entre a veciñanza de Bora, Salcedo e Lourizán.