O Gorgullón cambiará o sentido de circulación na mañá do luns

19
  • A rúa pecharase con morróns á altura da peonalizada rúa do Muíño. A medida trata de evitar os tráficos de paso detectados despois da súa transformación.

O Concello de Pontevedra cambiará a circulación do tráfico na rúa Gorgullón a partir do vindeiro luns, 24 de febreiro, ás 08.00 horas. O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez explicou esta mañá que o Concello estudou a circulación na rúa xa que presentaba un exceso de tráfico de paso para fuxir da rúa Eduardo Pondal. 

A proposta definitiva, consensuada coa asociación de veciños, pasa por evitar os tráficos dende un extremo a outro da rúa. No primeiro tramo, entre a avenida da Estación e a recén peonalizada rúa do Muíño, os vehículos poderán entrar polo Gorgullón e saír polo primeiro tramo da rúa da Moa.

No segundo tramo de Gorgullón, os vehículos poderán entrar pola avenida Eduardo Pondal, e saír por Gorgullón cara a rotonda de Uxío Novoneira. As rúas Curtidoira e Pedro Sarmiento de Gamboa tamén confluirán no Gorgullón para saír pola citada rotonda. A circulación dentro da praza da Curtidoira continuará igual que até o de agora.

Demetrio Gómez explicou que este plan de mobilidade rodada partiu de manter o sentido do tránsito peonil de fora a dentro da cidade, seguindo o trazado do Camiño de Santiago.

O Concello ten previsto facer unha campaña informativa nos portais e entradas de garaxe das rúas afectadas, para que os veciños e veciñas estean ao corrente dos cambios que se porán en marcha a partir do luns.