Medio Natural destina 18.000 euros a erradicar a praga do picudo vermello das palmeiras de Pontevedra

13
  • A Concellería que dirixe Iván Puentes tamén investiu 10.000 euros na contratación dun servizo para o tratamento fitosanitario do pulgón nas laranxeiras de varias rúas e parques da cidade

Na súa loita sen cuartel contra unha das pragas máis feroces que afectan ás palmeiras en tódolos concellos de Galicia, a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural destinou unha achega de 17.968,50 euros á contratación dun servizo para o tratamento fitosanitario do escaravello picudo vermello nos exemplares de Pontevedra. A empresa especializada Galides SL desenvolverá seis períodos de ‘medicación’ en diferentes períodos do ano tanto nos grandes grupos de palmeiras situados nos Xardíns de Vincenti e a rúa Xeneral Gutiérrez Mellado como noutros espécimes illados localizados en diferentes parques e rúas da cidade.

O concelleiro de Medio Natural, Iván Puentes, asegura que este tipo de tratamento “está a acadar moi bos resultados á hora de frear a expansión do picudo”, pero “é necesario mantelo no tempo a medio e longo prazo se queremos erradicar a praga por completo e, sobre todo, previr que volva aparecer”. “Temos unhas cantas mostras da tremenda voracidade do picudo vermello, tanto no municipio como noutras localidades galegas. Poden deixar as palmeiras totalmente ‘calvas’ e sen vida nun visto e non visto, polo que hai que combatelo con moita paciencia”, sostén o edil socialista.

Sen embargo, este escaravello non é a única epidemia que está a provocar quebradeiros de cabeza ao Servizo Municipal de Parques e Xardíns: as laranxeiras situadas en varias rúas e parques da cidade tamén están a ser devoradas con gran ferocidade pola praga do pulgón a pesar dos tratamentos aplicados ata a data.

Por este motivo, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible decidiu destinar unha achega de 10.000 euros “á contratación dun tratamento experimental máis potente e eficaz”, xa que “o anterior era demasiado suave e non tivo os efectos desexados”. A empresa ABC Desinfecciones SL será a encargada de levar a cabo este servizo fitosanitario, consistente nun total de sete tratamentos, en tódalas rúas e parques de Pontevedra nos que hai exemplares de laranxeira, especialmente na Peregrina, a Praza do Teucro, As Palmeiras e Rosalía de Castro.

Por outra banda, o Servizo de Parques e Xardíns tamén ven de contratar un servizo de poda e posterior retirada de restos das árbores existentes nas rúas Padre Luis e Cobián Roffignac. Os traballos serán realizados pola empresa Silvareira Servizos Forestais SL grazas a unha achega de case 1.800 euros.